CESTA DE ACTIVIDADES PARA O NADAL: Xogando en Nadal!

Agora que nos atopamos nestas datas próximas ao nadal, imos aló con algunha proposta de actividades e probas referidas ao nadal. 

Facemos un boneco de neve
Empregando un rolo de papel de baño, teremos que enrolar a persoa que decidamos na maior brevidade de tempo posible, agora engadímoslle unha bufanda, un gorro, e debuxamos uns botóns para simular con maior realidade o noso boneco de neve. 

Bolas de peso
Precisamos bolas de Nadal, das que empregamos na decoración da nosa árbore e un pau... 

Colocaremos o pau sobre algo, facendo de soporte no centro para suxeitalo. Agora cada participante terá que ir engadindo polo lado que lle corresponda do pau boliñas, unha a unha, tentando manter o equilibrio do pau, aquel que o desequilibre con maior peso será o perdedor da proba. 

Derribamos o boneco
Empregaremos vasos de plástico brancos que pintaremos simulando bonecos de neve que colocaremos formando unha pirámide cos mesmos e que tentarase derribar empregando unha bola de neve (papel) o que maior número de bonecos logre derribar será o vencedor da proba. 

Atrapa o reno
Faremos unhas orellas de reno con cartón ou dobre cartolina... que pegaremos nunha diadema se temos pola casa ou nunha cinta (que podemos facer con un anaco de cartolina, feltro....) e xa teremos lista a cornamenta que o noso reno (xogador) levará colocada na cabeza. 

Agora imos aló cos aros que lanzaremos para encestar nos cornos do reno. Podemos facelos de cartón ou incluso enrolando follas de papel de xornal ou revistas vellas que teñamos pola casa (dándolle forma de aro a medida que enrolamos e unimos con cinta adhesiva). 

E a cazar... o xogador que maior número de veces logre atrapar o reno será o gañador. 

A pesca de bastóns de Nadal
Daremos forma aos clásicos bastóns de nadal empregando limpiapipas (no caso de non dispoñer deste material ou preferilo poderíamos facelos tamén de cartón). 

O xogador suxeitará ca boca un dos bastón co que tentará atrapar os restantes (sen o emprego ou axuda das mans ou calquera outra parte do corpo) que se atoparán colocados sobre algunha superficie listos para ser pescados. 

O xogador que maior número de bastóns obteña será o gañador. 

Engule Papa Noel!
Faremos unha barba de Papá Noel con cartolina e unha goma ou cordón nos seus extremos para suxeitala. O xogador terá que converterse en Papa Noel colocando a súa barba ,e tentar con unha rosquilla colocada na súa fronte e só xesticulando (sen o emprego das mans nin ningunha outra parte do corpo) que chegue a súa boca e poida engulila o antes posible. 

O xogador que antes o logre será o vencedor. 

Ata aquí as propostas de xogos de Nadal, de seguro podedes engadir moitas máis que xa coñecedes ou que vos mesmos podedes crear, a xogar!! 

Comentarios