CESTA DE ACTIVIDADES PARA O NADAL: Árbore de Nadal con masa de follado e crema de cacao
Agora que se vai achegando o Nadal, ¿que vos parece se facemos unha árbore de Nadal con crema de cacao? Si a resposta é si, continuade comigo e ide preparando o que precisaremos.
Ingredientes:
– 2 láminas de masa de follado rectangulares
– Crema de cacao
– 1 ovo batido
– 2-3 culleradas de azucre para empoar
– 1 cullerada de azucre moído para decorar
– caramelos de chocolate de cores
Elaboración:
1.- Poñemos a quecer o forno a 180º. Forramos con papel de enfornar unha bandexa de forno e reservamos.
2.- Estendemos unha lámina de masa de follado, untámola con crema de cacao e cubrímola ca outra lámina de masa de follado.
3.- Cun coitelo ben afiado facemos a forma da árbore e cun cortapastas facemos estrelas na masa sobrante. Retiramos a masa sobrante (eu non tiro nada, estes anacos sobrantes tamén os enforno porque están igual de bos). Mollamos cun pouquiño de auga a copa da árbore na punta e colocamos unha das estrelas enriba.
4.- Nos laterais da árbore, facemos cortes cun coitelo, sen chegar ao centro, formando tiras do mesmo ancho (9 tiras a cada lado). Teremos que deixar un tronco máis ancho na base e que se vaia estreitando ata chegar á copa.
5.- Dobramos cada tira de masa facendo unha espiral. As tiras máis próximas a copa da árbore só as xiramos unha vez. Imos engadindo xiros a medida que as tiras sexan máis longas.
6.- Colocamos sobre a bandexa de forno e ca axuda dun pincel de cociña damos pinceladas co ovo batido. Tamén llo faremos a todas as estrelas.
7.- Empoaremos co azucre a árbore e as estrelas.
8.- Enfornamos durante 15-20 minutos, a 180º ou ata que vexamos dourada a árbore e as estrelas.
9.- Retiramos do forno e deixamos arrefriar.
10.- Decoramos empoando co azucre moído e colocando caramelos de chocolate de cores (pegámolos cun pouco de crema de cacao) nos extremos das pólas e por onde vos vaia parecendo para decorar a nosa árbore.
E xa teremos lista a nosa árbore de Nadal. Agardo que vos guste a receita e que vos animedes a facela. É doada de facer e non ten dificultade para facela cos peques da casa.
Bo proveito!
Comentarios
Publicar un comentario