CESTA DE ACTIVIDADES PARA O NADAL: Experimento con neve artificial
Experimenta, xoga e crea con neve artificial
Hoxe imos facer un experimento de observación, a continuación co mesmo material e algún máis faremos dúas manualidades que finalmente convertirémolas en xogos sensoriais.
Para comezar co experimento farán falla os seguintes materiais:
- Un cueiro limpo
- Unhas tesoiras
- Unha botella con auga
- Un recipiente baleiro
Os cueiros no seu interior teñen unha especie de algodón que se o frotamos veremos como cae un po branco, ese po branco é unha sustancia química, un polímero moi absorbente que se chama “poliacrilato de sodio”. Pode chegar a absorber entre 200 e 300 veces o seu peso en auga. Ao contacto con ela adquire textura de xel.
Dito isto, comezamos por abrir o cueiro cas nosas tesoiras e extraemos o algodón que ten no seu interior. Cun pouco chegaranos para facer este experimento. Unha vez temos o algodón poñémolo no noso recipiente e rompémolo en anaquiños pequenos como na seguinte foto.
Agora ímoslle poñendo a auga pouco a pouco e observando o que acontece. É mellor facelo pouco a pouco para non pasarnos ca auga e que nos quede mollado de máis.
Unha vez que o algodón absorbeu a auga podemos facer o noso boneco de neve e moldealo. Xogar con esa neve artificial dentro do noso recipiente. Ca axuda de algún botón e goma eva ou cartolina faremos os ollos, a boca e o que vos apeteza como o sombreiro, unha bufanda...
E, unha vez xa rematado o xogo do boneco de neve, con esa mesma neve artificial, unha bolsa con peche “zip” e uns rotuladores permanentes faremos outra manualidade sensorial.
Para comezar debuxamos cos nosos rotuladores permanentes o boneco de neve e decorámolo tamén cos rotuladores.
Metemos a neve artificial no interior e pechamos a bolsa co peche “zip”. O xogo trata de levar a neve para o interior do debuxo feito cos nosos rotuladores. É dicir, para dentro do noso boneco de neve.
Agardo que vos guste a miña proposta de hoxe e o pasedes en grande facéndoa e manipulando esta neve artificial.
Comentarios
Publicar un comentario