CESTA DE ACTIVIDADES PARA O NADAL: Folerpas de neve

Que vos parece facer unhas folerpas de neve para decorar as fiestras? Agora que se achega o Nadal, propoñémosvos facer unha manualidade sinxela e divertida, apta para tódalas idades. 

Antes de nada, asegurádevos de que tedes o material preciso: 

· Filtros de café 
· Contagotas ou difusor 
· Alcol (96º) 
· Rotuladores escolares 
· Tesoiras 
· Cinta adhesiva ou blu tac 

Comezaremos por facer un círculo o máis grande que poidamos dentro do filtro do café e o recortámolo. Podemos debuxalo coa axuda dun compás ou ben con algo que teña a forma desexada. De cada filtro sacaremos 2 círculos para facer 2 folerpas. 

De seguido, debuxaremos con rotuladores escolares no círculo branco. Non é importante o deseño, xa que o seguinte paso será desfacelo. Para iso, espallaremos con axuda do goteiro algunhas pingas de alcol. Presta atención, porque é moi curioso como pouquiño a pouco a tinta se move e vai coloreando todo o filtro. Tamén podes ver como o fixemos nós no seguinte vídeo: 


Debemos deixar secar ben o noso círculo. Para iso, abondará con que o deixes nun sitio quente e pouco húmido durante unha hora, ou dun día para outro en calquera lugar da casa. Podes aproveitar para facer outros deseños mentres! 

Para rematar a folerpa, dobramos á metade, outra vez á metade e despois en 3 partes, como vemos nas imaxes: 


Unha vez teñamos a forma dun cucurucho, deberemos recortar o deseño do noso copo de neve. É moi importante que non recortes ata o lombo do cucurucho, para que ao abrilo se forme a folerpa. Aquí tes uns exemplos de deseños que podes empregar para recortar: 


Desdobra con coidado e descubre o deseño que acabas de crear! Agardamos que desfrutes moito decorando a casa con esta manualidade sinxela pero bonita. 




Comentarios