CESTA DE ACTIVIDADES PARA O NADAL: Pan de xamón

Esta é unha receita moi típica no Nadal en Venezuela. Sérvese cortada en porcións para así poder ver o deseño interior co xamón, as olivas e as pasas. É o acompañante perfecto para un menú de Nadal.

Facer esta masa é moi doado, sobre todo se tendes unha amasadora, do contrario, pódese facer perfectamente a man. 

A continuación, os ingredientes que precisaremos para facer esta receita son os seguintes: 

Para a masa: 
  • 500 gramos (case 4 cuncas) de fariña de trigo 
  • 6 gramos (2 culleriñas) de fermento 
  • 4 gramos (1/2 culleriña) de sal 
  • 24 gramos (2 culleradas) de azucre 
  • 35 gramos (1/4 de cunca) de leite en po 
  • 1 ovo 
  • 225 ml. (1 cunca) de auga morna 
  • 42 gramos (3 culleradas) de manteiga a temperatura ambiente 
Para o recheo:
  • 400 gramos de xamón cocido afumado 
  • 8 a 12 liscos de touciño 
  • 1 cunca de olivas recheas de pementos vermellos (ao gusto) 
  • ¾ de cunca de pasas (ao gusto) 
Para vernizar: 
  • 1 ovo 

O recheo consiste en 4 ingredientes: xamón afumado, touciño, olivas recheas de pemento vermello e uvas pasas. As porcións destes ingredientes poden variar segundo o gusto de quen fai a receita, hai quen lle vota queixo tamén. O que si recomendo é non quitarlle as pasas nin as olivas, xa que esta mestura de sabores, fai único a este pan de xamón. 

Imos ca receita! 

Tempo de preparación: 1 hora 
Tempo de cocción: 40 minutos 
Cantidade: 2 pans medianos 

Como facer o pan de xamón paso a paso: 
Para facer a masa: nunha cunca pequena poñemos 1/4 de cunca de auga morna, engadimos 1 culleriña de azucre e o fermento, mesturamos e deixamos repousar tapada por uns 5 minutos ata que se forme unha espuma. 



Unha vez se forme a espuma do fermento, engadimos a fariña, o leite en po, o resto da auga morna (3/4 de cunca) e o ovo lixeiramente batido, mesturando todo co gancho de amasar. Se non tendes amasadora farémolo a man e se non tendes leite en po, cambiamos o auga por leite líquida morna. 

A medida que imos amasando, engadimos a manteiga en pequenas porcións. Amasar ata obter unha masa suave e que xa non se pega nas mans. 



Colocamos a masa nun recipiente grande, colocamos un anaco de aceite e colocamos alí a masa, dándolle a volta para que toda a masa se impregne do aceite. Tapamos cun pano limpo e deixamos repousar nun sitio morno por uns 30 - 45 minutos. Mentres, preparamos os ingredientes para o recheo.



Para facer os dous pans dividimos a masa en dúas partes. Sobre unha superficie enfariñada, estendemos a masa cun rolete e engadimos o xamón, o touciño, as olivas, e as pasas en toda a superficie da masa. Para que as olivas queden no centro, colocámolas en fila como se mostra na foto; se as queremos repartidas, cortámolas e engadímolas como as pasas. 

Enrolamos a masa como se fose un brazo de xitano, beliscando na unión da masa. Colocamos os pans na bandexa do forno enfariñada. Tapámolos e deixámolos repousar por outros 30-40 minutos. 



Poñemos o forno a 180º C. Pinchamos os pans cun garfo para deixar que saia o vapor mentres se cocen e deixámolos no forno durante 20 minutos a 180ºC. 

Pasado ese tempo, vernizamos o pan co ovo e volta ao forno por outros 20 minutos mais. Se vemos que o pan se doura moito e aínda lle falta tempo para que estea cocido, hai que cubrilo cun papel de aluminio para que non se nos queime por fóra. 

Sacamos do forno os pans e os poñemos sobre unha reixa para que arrefríen. Cortamos en porcións e a desfrutalo! 



Consellos para facer un bo pan de xamón: 
Usar os ingredientes da mellor calidade que poidamos obter, especialmente o xamón cocido, preferiblemente afumado. 

Para asegurarnos que o pan non quede cru no centro, hai que cocelo polo menos 40 minutos. 

Pódese dourar un pouco o touciño ou poñelo cru. 

Este pan conxela moi ben. Unha vez feito e frío, corta o pan en porcións e conxélao, despois podes levalo directamente ao forno por uns minutos para quentar, ou ben, pasalo pola torradora de pan, queda delicioso! 

A cantidade de xamón, touciño, olivas e pasas poden variar ao gusto de cada un. 

Se usamos fermento instantáneo engadímolo ca fariña e os ingredientes secos, engade toda a auga morna que se indica, o ovo e continua cas indicacións. 

Para que as porcións dos extremos tamén teñan xamón, deixamos que sobresaia nas puntas como na seguinte foto. 



Agardo que vos guste a receite e vos animedes a facela. 

Bo nadal! 

Comentarios