XOGA QUE TE XOGA. VINTE-VINTE
VINTE-VINTE (20-20)
Quen anda por aí?Hoxe quero compartir con vós un recurso que emprego nas miñas clases de memoria para traballar o cálculo mental, pero que perfectamente se pode empregar con nenos e nenas maiores de 6 anos.
As miñas mociñas e mociños de “Activa a túa memoria” sempre quedan con ganas de máis… Así que, seguro que o podedes pasar moi ben! Nas clases de memoria, xogan por equipos. Pero pode adaptarse o xogo, e competir unha persoa contra outra.
Que necesitamos? Unha baralla de cartas española. Si, só iso. A que seguro que non nos falta na casa? Ah! E fichas de cores diferentes, neste caso seis para cada persoa ou equipo. Podes empregar fichas de cartón pintadas, fichas do parchís, lentellas e garavanzos… Se non se che ocorre nada, adxunto un modelo de fichas para que poidades utilizar.
Nos vos esquezades! Que non falten as ganas de xogar!
Como se xoga?
Antes de comezar, temos que distribuír a cada xogador ou xogadora, ou a cada equipo as fichas da súa cor correspondentes, en función de como decidas xogar. Despois xa podemos repartir as cartas. Cada persoa ou equipo recibirá 5 cartas, coas que comezará a xogar. O resto deben poñerse nun montón (pero teñen que estar cara abaixo) e deixalas ao carón, xa que se precisa espazo para xogar.
Que é o que temos que facer? A finalidade do xogo é pechar unha fila ou unha columna onde as cartas sumen 20 puntos. Cando un xogador/a ou un equipo consegue pechar unha fila ou columna, colocará unha peza da súa cor en cada extremo. É dicir, colocará dúas fichas para marcar que a fila ou a columna que suma 20 é súa.
E como o facemos? Por quendas, cada xogador/a debe colocar unha carta cara arriba encima da mesa á beira dalgunha outra. A primeira persoa en xogar pode colocar a que queira, e onde queira. A continuación, o seguinte xogador debe colocar horizontal ou verticalmente á beira dalgunha xa posta, así se xerarán filas e columnas de cartas sobre a mesa. Despois diso, os/as xogadores/as deben recordar coller unha nova carta do montón. Pois sempre temos que ter 5 cartas na man.
Quen gaña?
Gaña o primeiro xogador ou xogadora que consegue colocar as súas seis fichas ou o que é o mesmo, o primeiro ou primeira que consegue pechar 3 filas e/ou columna
Por se non entendiches moi ben en que consiste o xogo ou como se xoga, aquí subo un mini-tutoriaL.
Recurso recollido de Aprendiendomatemáticas