XOGA QUE TE XOGA. PASA O DADO

PASA O DADO

Alguén por aí sen saber que facer?

Seguro que si, tanto tempo libre, acaba con un. Hoxe, quero ensinarvos un xogo que emprego en “Activa a túa memoria” para traballar a axilidade mental, as habilidades lingüísticas, a atención, a concentración e tamén a paciencia. Pero que tamén emprego cos meus rapazolos e rapazolas do clube xuvenil.

Como seguro que moi pouca xente teña o xogo orixinal na casa, quixen elaborar  unha versión adaptada. A ver que vos parece…
Seguro que tanto os maiores como o clube estarían encantados de poder xogar todos e todas xuntos, pero non dubido que teñen con quen xogar! Así que, seguro que o podedes pasar igual de ben!

Que necesitamos? Un dado, ler o post e darlle ao play ao vídeo que se atopa ao final de todo. Si, só iso, seguro que non é tan difícil!

Cal é o obxectivo? Atopar palabras que inclúan o son que indica a carta que saia na pantalla, e pasar o dado a outro/a xogador/a para evitar que “explote” nas túas mans. A continuación, entenderedes todo.

Xa que é unha adaptación ao xogo orixinal, e non temos os recursos necesarios, que serían un mazo de tarxetas/cartas con sílabas, un cronómetro con forma de bomba cunha duración aleatoria (para meterlle tensión ao asunto) e un dado especial, que ten nas súas caras escritas as palabras TIC, TAC e BOUM, que indicarían en que posición deberá empregarse a sílaba da tarxeta elixida para formar a palabra… Imos empregar un vídeo para xogar. 

A partida desenvolverase en 13 roldas

Antes de comezar, temos que ter claro o desenvolvemento da partida. No xogo orixinal, mestúranse as cartas e collesen 13 delas ao azar (ou 12 + 1, se es  supersticioso/a) Pero, como non hai cartas, daremos play ao vídeo, e aparecerá na pantalla a primeira carta coa que toque xogar.

Despois disto, é necesario tirar o dado. A primeira persoa en facelo, será a máis nova.
Neste caso, daremos un tempo para que, poidades lanzar o dado e ver que sae. Empregaremos un dado normal, como xa dixen anteriormente. E ben sabedes, que nos dados aparecen números. Por iso...
No caso de que saia un número par- debemos dicir palabras que comecen por esa sílaba
No caso de que saia un número impar- debemos dicir palabras que rematen por esa sílaba
E no caso de que saia o número 6 - debemos dicir palabras que conteñan esa sílaba, da igual a súa posición.
Como seguro que ninguén ten un cronómetro que faga o ruído da explosión dunha bomba, o propio vídeo marcará o tempo e comezará a soar un tic-tac dun reloxo. Seguindo as dúas regras anteriores (que son e onde se ha de pronunciar na palabra) os xogadores deberán dicir por quendas unha palabra co son.
Nese momento, o participante que tirou o dado debe comezar a dicir a súa palabra, e cando remate, pasarlle o dado ao compañeiro da dereita. Así todas as persoas participantes, na súa quenda, irán pronunciando en alto as palabras que se lles ocorran (e que sexan válidas). A persoa que teña o dado cando “explote” a bomba, deberá anotarse un tanto.

Imos poñer un exemplo…

Tiras o dado e sae o número dous e a carta que aparece na pantalla indica o son “BO”. A persoa que xoga deberá dicir unha palabra que empezo por  BO, por exemplo “BOCA”. Pasa rapidamente o dado ao xogador da súa dereita, e este novo xogador di a palabra “VOAR”. Aínda que esta palabra non empeza por  B, si que contaría como válida xa que o son é similar. Lanza o dado ao seguinte xogador, e nada máis chegar ás súas mans...  Booouum!! O xogador número 3 perdeu esta rolda, así que anótase un tanto.

Quen gaña?
A persoa que menos tantos teña despois das 12 + 1 roldas gaña a partida.



Este é fácil, a ver o seguinte nivel...

Recurso adaptado de TIC TAC BOUM  xogo creado por Sylvie Barc y Jean Charle Rodriguez, baixo licencia de Week End Games, editado e distribuido por Goliath BV
Photo by Brett Jordan on Unsplash