XOGA QUE TE XOGA. BANDIDO/COVID-19
BANDIDO/COVID-19

Quero compartir con vós unha demo que podemos descargar baseada nun xogo de mesa coñecido co nome de “Bandido” elaborado por Martin Nedergaard Andersen e ilustrado por Lucas Guidetti Perez.
Pero, estes días, as persoas que conforman Ludilo adaptárono á realidade actual que estamos vivindo.
Este recurso é un xogo cooperativo de cartas de estratexia e observación para toda a familia, no que se pode traballar o razoamento, a memoria, a coordinación ollo-man e seguro que moitas cousas máis... Pode empregarse para xogar con todas as idades (+6 anos), no que poden participar ata catro persoas e onde os tempos da partida adoitan ser de 15 min, máis ou menos.
Pero… como se xoga?
Antes de nada, teremos que preparar as nosas cartas. Para iso precisamos descargar o material, imprimilo e amañar todo. Polo tanto, necesitamos, impresora, folios, tesoiras e traballo en equipo!
E cando teñamos todo listo xa podemos comezar.
En Bandido/COVID-19, todas as persoas xogamos xuntas para evitar que o virus se escape. Asegurádevos de comunicarvos entre todas (mantendo as distancias de seguridade) para maximizar as posibilidades de gañar. E agora....
1. Colle a carta de inicio (a que ten o virus) e colócaa no centro da mesa

2. Baralla o resto das cartas e colócaas boca abaixo nunha pila de roubo.
3. Reparte 3 cartas a cada xogador/a.
Veña, que xa explico como se xoga…
Comeza a persoa máis nova (en idade). Na súa quenda, coloca unha das súas cartas para conectala a unha ou máis cartas que xa están na mesa.
Como Bandido é un xogo cooperativo, as persoas que xogan deben debater a mellor maneira de proceder, pero ten coidado, non podes mostrar as túas cartas aos outros/as xogadores directamente.
Podemos facer unha excepción cos máis pequenos e pequenas da casa, para facilitarlle así a xogada.
Importante A carta que xogas debe encaixar perfectamente. Despois de colocar a túa carta, colle unha nova carta do mazo de roubo.
No caso de non poder xogar, podes colocar as túas cartas debaixo do mazo de roubo e coller tres cartas novas.
Continúan xogando o resto de xogadores. Seguide xogando ata bloquear todos os túneles ou ata que o mazo de roubo estea baleiro. Ten coidado de non colocar unha carta que faga imposible bloquear un túnel.

Fin do xogo. Quen gaña?
Se conseguides bloquear todos os túneles, gañariades o xogo xuntos. Se un túnel permanece aberto despois de colocar todas as cartas, o virus escapa e todos perdemos.
Recurso adaptado por ludilo
Material que podedes descargar