XOGA CO INGLÉS 4

MY PIRATE ADVENTURE!

Levamos xa dúas semanas falando de Piratas, aprendendo a súa xerga, lendo sobre as súas aventuras... Non será que xa nos vai tocando vivir a nosa propia viaxe pirata?

Pois collan só o imprescindible, e lancémonos aos mares!

A actividade que vos propoñemos hoxe é a fabricación dun xogo de mesa caseiro, moi sinxelo de facer e moi entretido de xogar. Todos e todas temos xogado algunha vez ao clásico Afundir a Frota... Pois este xogo é o seu curmán pirata!


FABRICANDO O XOGO...

MATERIAIS QUE PRECISAIS:
Cartolina
Lapis e Rotulador
Pinturas de cores
Tesoiras
Moedas
Fabas ou garavanzos

O primeiro que precisa un xogo de mesa é un taboleiro! De feito, necesitamos dous, un para cada xogador. Nós decidimos facelo con 5 filas e 5 columnas, para non complicalo de mais! Empregamos números e cores para identificar as celas, pero tamén podedes usar letras, comidas, obxectos.... OLLO! In english, my friends! O interesante deste xogo é que repetimos moitas veces os números e as cores, e así afianzamos ese vocabulario.

Aquí vedes unha imaxe do noso taboleiro



Podedes copiarnos ou facelo moito mellor, e mandarnos fotos!

Ademais do taboleiro, imos precisar unha serie de fichas:



- 10 fichas de SHIP (Barco) para cada xogador. Nós usamos fabas!
- 1 ficha de TREASURE (Tesouro) para cada xogador. Nós escollemos, por razóns obvias, moedas.
- 1 ficha de ISLAND (Illa) para cada xogador. Nós fixémola recortando un círculo de cartolina e debuxando nela unha illa, coa típica palmeiriña de illa pirata.
- 1 ficha de SINKING (Naufraxio) para cada xogador. Nós debuxamos unha caveira nunha cartolina negra.
- 3 fichas de STORM (Tormenta) para cada xogador. Nós fixemos raios en circuliños de cartolina.

Co taboleiro e as fichas listas, só queda xogar!


PREPARANDO O XOGO...

O obxectivo do xogo é atopar o tesouro doutro xogador sen quedarmos sen barcos polo camiño!

Antes de comezar a partida, cada xogador coloca as súas fichas no seu taboleiro:
1 Treasure (Tesouro)
1 Island (Illa)
1 Sinking (Naufraxio)
3 Storms (Tormentas)
10 Ships (Barcos). Temos dúas opcións para colocar cada un dos barcos: posición de ataque ou posición de busca do tesouro. Todo depende da estratexia que queiras seguir! Arrisco no ataque, ou aseguro unha boa frota de rastrexo?

Os barcos que queiramos colocar en posición de ataque, deben ir nunha cela do taboleiro. Os barcos que usaremos para atopar o tesouro do xogador contrario, han de ficar na parte dereita do taboleiro, en “My Pirate Ships”.

Non fai falla dicir que non debemos deixar que o outro xogador vexa onde temos colocadas as fichas!

XOGANDO! Preme

Comeza un dos xogadores, que vamos chamar X1. X1 di unha cela (Red-Two, Pink-Four, etc). Que terá o outro xogador, X2, nesa cela?
Non ten nada. X2 di “WATER” (Auga). Sigue o xogo.
Ten o “TREASURE” (Tesouro): X1 gaña a partida!
Ten a ficha de “SINKING” (Naufraxio): X1 perde 4 barcos de “MY PIRATE SHIPS” por un naufraxio..
Ten un “SHIP” (Un dos seus barcos): X1 perde 2 barcos de “MY PIRATE SHIPS” tentando defenderse dun abordaxe inimigo!
Ten unha ficha de “STORM” (Tormenta): X1 perde 1 barco de “MY PIRATE SHIPS” por causa dunha tormenta.
Ten unha ficha de “ISLAND” (Illa): X1 recupera 2 barcos, que coloca en “MY PIRATE SHIPS!.
Agora é a quenda de X2, que debe dicir unha cela.

O xogo repítese ata que:
Un dos Xogadores atopa o tesouro e gaña a partida.
Un dos Xogadores queda sen barcos en “MY PIRATE SHIPS”, e perde a partida.

Tentade xogar en English! Aínda que só sexa para dicir o número e a cor da cela, e o que hai nela!

E contádenos como foi! Comentarios, anécdotas, suxestións, fotos dos taboleiros marabillosos que facedes...

See you next week, Pirates!