TEATRO EN LIÑA V
Se nos dixeran que pensemos nun autor teatral por excelencia, o máis probable é que a cabeza se nos vaia a William Shakespeare, considerado o principal autor en lingua inglesa e un dos principais autores da literatura universal. Non é para menos, xa que é un dos autores máis prolíficos nos xéneros dramático e poético, ademais de ostentar o maior número de recursos lingüísticos en lingua inglesa e considerado autor de gran número de expresións neste idioma.
Autor de traxedias como o Rei Lear, Mcbeth, Romeo e Xulieta e comedias como como Noite de reis, Soño dunha noite de verán ou O comerciante de Venecia, a figura de Shakespeare transcende por ser de todo polifacética, pois non só escribía, senón que fundou ademais unha compañía (Lord Chamberlain’s men, máis tarde chamada King’s men) á que ía dirixida a súa produción dramática. Coñécese que participaba tamén como actor nas funcións da compañía, encarnando pequenos papeis que o situaban sobre táboas.
Non é ningún segredo que a fama lle chegou en vida, posibilitándolle incluso construír un teatro propio para a compañía, The Globe, onde King’s men era a compañía residente.
Entre as obras máis coñecidas de Sheakespeare a día de hoxe atópanse as mencionadas anteriormente. Estas e outras teñen sido representadas probablemente en milleiros de ocasións, en tantas versións e por tantas compañías como a nosa mente poida imaxinar. Non obstante, a peza escollida para ver nesta ocasión é considerada como a derradeira peza do Bardo de Avón, que leva por título A tempestade e que é menos coñecida que calquera das mencionadas.
A Tempestade
Mencionábamos que calquera das obras de Shakespeare foron representadas nunha innumerable cantidade de ocasións, máis traemos esta peza por ser o primeiro texto shakesperiano que a compañía Voadora decide levar a escena.Voadora, compañía asentada en Santiago de Compostela, cunha produción ás súas costas dunhas dezasete obras estreadas ata o momento, será quen nos ofreza unha posta en escena tan persoal e efectista como irreverente. Respectando o texto orixinal case integramente, transportaranos a unha illa no medio do mar, que á súa vez será calquera lugar que desexemos que sexa.
O texto fálanos dunha historia de traizón, vinganza e perdón, na que a personaxe principal, Próspero, foi condenado a pasar o resto dos seus días nunha illa, onde cría á súa filla Miranda. Furioso pola traizón do seu irmán ordena desencadear unha tempestade de terrible magnitude, que traerá á illa a este traidor, así como ao rei usurpador e a outras personaxes, que seguindo o seu propio camiño, iranse achegando ao lugar onde se atopa Próspero.
A tempestade está considerada unha obra de múltiples lecturas, ao que se suma aquilo que a compañía decide experimentar e poñer sobre o escenario. Así poderemos seguir o a liña do texto marcada polo autor, ao tempo que aquelas cousas que se resaltan nesta versión, como as personaxes que acaban na illa e como aproveitan o seu tempo nesa paraxe. Todo isto dentro da importancia que se confire á música, que fusionada co ritmo da historia e a estética traballada aportan un carácter único. Chegou o momento de poñernos con esta obra, de case dúas horas de duración, sobre a que responderemos algunhas preguntas.
A tempestade, versión de Voadora:
Teatrofórum
- Falabamos de dúas obras que suceden a un tempo, a que contén o texto e a que voadora nos achega a través da posta en escena. Como dialogan esas dúas historias? Acompáñanse e compleméntanse mutuamente ou veñen a dicirnos cousas diferentes?- Existe unha gran cantidade de personaxes, algunhas teñen máis peso que outras. Son personaxes planas, caracterizadas por non ter evolución na historia ou son redondas, amosándose nelas aquilo que subxace e que as fai evolucionar?
- Cal é o rol que desenvolve a música na peza? Especialmente referímonos á que sae do piano, obra de diferentes personaxes que se sentan nel, acudindo a el ao longo da peza como recurso básico.
- Vemos que a estética non é a que adoita acompañar a un texto como este nun estilo máis clásico. Pode ser que, entre outras cousas, a iluminación, os roupas… acheguen a acción á actualidade, síntome identificado con isto? Que outras cousas nos aporta esta estética, sinal de identidade desta versión?
- O final da peza é ocasionado polo perdón de Próspero aos seus inimigos, a que se debe? Que efecto ten este suceso na traxectoria que viña describindo a historia?