TEATRO EN LIÑA IV



A censura foi unha figura que marcou a toda unha xeración de artistas, logo das posguerra, que foron marcados durante longo tempo e que sufriron represalias pola natureza daquilo que creaban, chegando incluso a ser prendidos e castigados, ou non viron como única alternativa o exilio para seguir cultivando a súa obra dende o estranxeiro. Non foron poucos os que introduciron estilos de escrita que ocultaban a carga política para non chamar a atención da censura, sorteándoa con enxeño para continuar coa súa produción. Este é o caso de Antonio Buero Vallejo, quen contribuíu ao xénero dramático cunha gran produción teatral continuada durante case cincuenta anos.

Buero é autor de numerosos obras de teatro no noso país, e con posterior éxito no estranxeiro. A maior parte das súas obras caracterízanse por situarse en contextos sociais propios da súa época, abordando problemas individuais e colectivos da sociedade española do franquismo. Exemplos da súa produción son “Historia de una escalera”, que foi unha das súas primeiras grandes obras, con gran repercusión e que foi representada en sucesivas ocasións ao longo dos anos, ou “El tragaluz”, considerado un clásico contemporáneo.

Falamos dun autor cun estilo moi particular no que se trata a crítica social e política, utilizando como medio o realismo, sobre o que introduce elementos que sorprenden ao espectador, rompendo de xeito case máxico, enlazando á perfección cunha forma de relatar os feitos inmersiva e cativadora.

La Fundación

Esta é unha das obras máis representativas e recoñecidas de Buero, escritas con posterioridade ás dúas anteriormente mencionadas. Estreada en 1974, La Fundación narra a historia de cinco persoas que, teñen bolsas de estudios dadas por a fundación que lles brinda todo tipo de comodidades, poden levar a cabo actividades formativas e profesionais.

Neste punto da presentación, unicamente podemos dicir que para coñecer o xeito en que Buero pon de manifesto a temática que a tratar e eses elementos que rompen co realismo, típico do teatro que se adoitaba representar a mediados de século, hai que descubrir a obra. Así poderemos ir coñecendo os distintos sucesos, á par que o protagonista, Tomás, quen soporta maior peso na obra.

Nesta ocasión deixamos unha versión que non está gravada nun teatro, senón que forma parte do ciclo de teatro filmado para televisión, que realizou Televisión Española e que figura no seu arquivo. Veremos unha proposta fiel á versión para teatro, pero que inclúe unha serie de recursos cinematográficos que dan o seu selo á peza. Continuamos coa obra, para proceder logo ao teatrofórum proposto para este texto.


Teatrofórum

- Como anticipábamos, é preciso seguir o argumento da man de Tomás, así é como o autor consigue nesta peza ese efecto de inmersión que mencionábamos. Cales son as pistas que Buero vai deixando e que, como a Tomás, nos van descolocando pero non nos dan aínda a alarma do que está a ocorrer? Cando se descubre realmente o que é a fundación?

- Ao longo da peza vemos como as distintas personaxes se relacionan con Tomás, tratando de axudalo, pero que van pasando por distintos puntos nos que semella que perden os estribos e que lle van revelar algo que non deben. Como se van compensando as accións e reaccións das personaxes para manter o curso e o ritmos da acción? Como son as relacións entre as cinco personaxes?

- Anteriormente se comentaba que é unha obra rodada en plató, coma se dunha película se tratara. Cales son os recursos cinematográficos empregados que nos confirman isto? Como poderíamos cambiar eses recursos se quixésemos levar a escena a obra nun teatro?

- A historia amosa unha realidade que lles tocou vivir a moitas persoas por mor da súa ideoloxía. A mente de Tomás crea unha ficción que oculta as causas e as consecuencias sobre do ocorrido na que pode refuxiarse. Como sentimos o desamparo de Tomás ao tomar contacto coa realidade da historia interna da peza?

- Nunha guerra sempre hai vencedores e vencidos, mais as consecuencias sempre son nefastas para todos, desolación, represión contra os derrotados… Cara ao final da obra, hai unha frase de Asel na que di: “Esta vez nos ha tocado ser víctimas, mi pobre Tomás, pero algo te voy a decir, casi lo prefiero… Si alguna vez salvase la vida, tal vez me tocaría hacer el papel de verdugo” Que implica esta afirmación?