TEATRO EN LIÑA III
Tras dúas propostas de textos de corte máis clásico, hoxe queremos propoñervos que nos acheguemos a un xénero que, pese a levar tempo instaurado, quizais sexa algo máis alleo ao noso coñecemento. Estamos a falar do novo circo, o cal ten por obxectivo ser unha renovación do circo clásico, revitalizando esta disciplina e adaptándoa á actualidade. Existen numerosas compañías de novo circo, das cales é claro exemplo Les 7 doigts de la main, compañía franco-canadense que non deixa de abraiar ao mundo con cada nova creación, non só pola calidade artística da peza, senón por como se pode apreciar o duro traballo do equipo e a sincronía que amosa na posta en escena.
Porén, o novo circo non é tan alleo a nós como pode parecer, xa que en Galicia temos unha compañía, referente a nivel nacional, tanto en creación e produción de espectáculos, como en formación. Referímonos a Pistacatro, que leva as súas costas catorce anos de experiencia e máis de dez espectáculos no seu haber. Afincada en Santiago de Compostela, está vencellada á escola de circo Circo Nove, onde se imparten cursos de diversas disciplinas de circo e artes vivas.
Escollemos hoxe un dos seus espectáculos por dous motivos, o primeiro deles, achegarnos a este xénero, que vai cobrando cada vez máis importancia no contexto das novas linguaxes. O segundo motivo, é ofrecer unha peza que non siga a liña que traíamos ata o momento, na que hai un texto sobre o que se crea unha dramaturxia que levar a escena, senón que se parte da creación propia.
Esperta!
Estamos ante unha proposta escénica que parte dunha perspectiva diferente, Esperta! é unha peza estreada en 2015 que parte dunha idea que a compañía quere desenvolver e compartir co público. Trátase dun espectáculo que nos levará polo universo que Pistacatro constrúe, en clave teatral, para facernos pensar “na identidade individual, no que nos iguala e nos diferencia”. Ocorre a través de vivencias de catro personaxes que, nun continuo entre o soño e a consciencia, se atopan nunha única estancia dun fogar, o baño, como símbolo de intimidade, que comparten connosco.Poderemos ver distintos números circenses, que acompasados pola música, o son e a luz, nos evocarán imaxes e sensacións que encherán os case setenta minutos que dura a peza e dos que cadaquén extraerá a súa propia interpretación.
Pedímosvos, pois, que sigades a obra cuns ollos que desfruten da comicidade que o xénero circense adoita traernos, pero que ademais vexan máis alá, afondando mesa realidade que é común a todas as persoas, pero que cada un viva e sinta á súa maneira. É o momento de ver a obra, que a continuación deixamos, para seguir logo co teatrofórum.
Desperta! Cia. Pistacatro from Pistacatro on Vimeo.
Teatrofórum
- En Esperta! amósanse, mesturadas, a cotiándade e a intimidade do fogar, individual e compartida, aínda que dun xeito que se separa do realismo. Que sensación nos transmite este xeito de contar a mensaxe?- Ao longo da peza podemos ver como o imaxinario de cada personaxe sae ao exterior, a través de cada número, buscando o seu lugar na realidade, nas relacións que se van establecendo co resto das personaxes da peza… Como ocorre no meu caso? De que xeito a miña imaxinación se fai presente na miña realidade?
- Como se entrelazan os números circenses coa historia que subxace? Están fiados de xeito que podo seguir a obra como un todo? Nese caso, como contribúen elementos como a iluminación, a música e o son, a escenografía, as imaxes… a construír esa historia?
- Se fixeramos unha comparación entre as personaxes de Esperta! e de Esperando a Godot (peza proposta na primeira entrada de Teatro en Liña), que similitudes topamos entre eles? Que diferencias?
Se tedes interese en coñecer máis sobre esta compañía, aquí vos deixamos o enlace á súa páxina web, onde atoparedes información sobre a compañía, a súa traxectoria, proxectos e actividades, así coma os espectáculos que actualmente teñen en activo. Até a próxima!
Pistacatro