PINCEIS CASEIROS PARA PUNTILLISMO

Deste xeito descubriron que, se en vez de pintar manchas co pincel como adoitaban facer, dispoñían pequenos puntos de cor uns ao lado dos outros podían ver unha cor cando en realidade no cadro había dúas. Como era isto posible? Explicámosvolo:
Sabedes que para conseguir unha cor a maioría das veces temos que mesturar varias na paleta, por exemplo creamos o verde mesturando azul e amarelo, o rosa xuntando o maxenta e o branco, o verde turquesa co azul e o verde ….
Eles non mesturaban as cores na paleta, senón directamente no cadro poñendo uns puntos de azul xunto a uns puntos de branco para crear o azul clariño.

Chegaron a crear cadros impresionantes que hoxe en día seguen sendo moi famosos e son de gran beleza.
Un dos máis famosos é “Tarde de domingo na illa da Grande Jatte” de Georges Seurat. Neste cadro podemos pasar horas mirando os personaxes que pasean á beira do río, entre as luces e as sombras que as árbores proxectan e os reflexos da auga. (Non vos recorda a estas tardes de primavera polos parques de Compostela?).
Fixádevos ben porque hai moitos detalles, atopades ao mono?

Que estarán pensando e falando estas persoas? Xa pasaron máis de 100 anos desde que se pintou, por iso a roupa é tan diferente á nosa, pero seguro que os seus pensamentos e preocupacións non son tan diferentes ás de hoxe en día.
Pintar un cadro con esta técnica leva moito tempo, seguramente varios meses, pero podemos probar esta técnica que hoxe vos traemos dun xeito máis innovador e divertido co que conseguiremos resultados rápidos.
Para esta proposta só necesitaredes bastóns dos oídos (mellor se son de madeira! pensade que todo o plástico que usamos acaba no mar e na barriga dos animais…). Tamén precisaredes de cinta de adhesiva e un lapis, pincel ou calquera cousa que nos poda valer de mango.
Uniremos varios bastóns dos oídos arredor do rotulador ou simplemente entre eles e así poderemos pintar varios puntos á vez. Divertido, verdade!?

Con esta técnica podedes crear multitude de deseños, dende composicións decorativas ata un retrato coma os que fixeron Pedro e Sabela.
![]() |
![]() |
Este outro cadro é do artista Paul Signac, é o retrato dun mago. Seguro que vos da moitas ideas. Por suposto, está pintado todo con puntiños!

Que vos divirtades e ata a próxima proposta!
Comentarios
Publicar un comentario