PEQUENOS/AS DESCUBRIDORES: INVESTIGANDO DIFERENTES MASAS

Ola nenas e nenos! Hoxe traémosvos unha actividade para traballar con diferentes masas! E sabedes o mellor? Podédelas crear vós mesmos! Ídesvos sorprender da gran variedade que hai! Cada unha máis curiosa e divertida! Só consiste en experimentar, así que, pedídelle axuda a unha persoa adulta e imos aló!

Deixámosvos aquí un enlace no que podedes ver os diferentes tipos que se poden facer! Así poderedes investigar distintas texturas ó tempo que desenvolveredes a psicomotricidade fina.

Seguro que vos saen ideas moi interesantes traballando desde a masa de nubes ata a plastilina galáctica ou outra con elementos da natureza! Só hai que botarlle un chisco de imaxinación! Xa vedes que se poden facer ata bombóns, diferentes adornos ou mesmo xoias!

Igualmente propoñémosvos realizar unha actividade lúdica e relaxante á que podedes xogar en familia, contámosvos en que consiste!

Deberedes coller, cada un dos participantes, un anaco da masa que elixirades facer. A continuación pecharedes os ollos (tamén podedes poñer un anteface ou un pano para asegurarvos de que ninguén os abre) e teredes que amasar e facer unha figura que queirades! Poñede atención porque o feito de non ver promoverá que teñades que desenvolver máis os demais sentidos! Que divertido!

Coa vosa idea de figura na mente iredes modelando a masa que tedes nas mans e incluso podedes empregar algún utensilio coma os moldes para facer formas, pero recordade que non podedes mirar!

É unha boa idea establecer un tempo común para todos/as e, rematado este (podedes poñer unha alarma para que vos avise) sacaredes os antefaces. Agora vén outra parte entretida, xa que, por quendas, cada un de vós ten que adiviñar que son as demais figuras!

É interesante que poñades vós as normas antes de comezar o xogo! Así, podedes establecer que quen acerte máis figuras gañe o xogo, ou que quen acerte unha figura lévaa. Incluso podedes poñer por norma que, se algunha figura non se acerta, ese participante terá un tempo de prórroga para facela de novo ou perfeccionala... Iso decidídelo vós como grupo antes de comezar!

E agora... todos e todas a amasar!!
Seguro que vos saen cousas ben lindas!

Comentarios