O CONTO DA LÚA

Hoxe imos dedicar un anaquiño do noso día a ler unha pequena historia, un conto que nos conta, nada máis e nada menos como a lúa chegou ao sitio no que está, no alto do firmamento. Como adiviñaredes, non é unha historia real, senón que é un conto que, a través duns feitos fantásticos nos transmite unha ensinanza. Que vos parece, queredes saber cal foi a viaxe que tivo que facer o noso satélite para finalmente chegar a colocarse onde todos podemos velo? Si? Pois aquí temos a versión, nada menos que en galego, deste conto, que é unha adaptación da historia escrita polos irmáns Grimm, do que aprenderemos unha chea de cousas e nos entreteremos coas actividades que temos para traballar coa historia.



A LÚA
Hai moito tempo existiu un país no que a noite estaba sempre escura, pois xamais saía a lúa nin brillaban as estrelas. Daquel país saíron un día catro rapaces dispostos a percorrer o mundo.
Chegaron a unhas terras en que á noitiña aparecía sobre un carballo unha esfera luminosa que esparexía a gran distancia unha luz clara e suave. Os raparigos detivéronse a contemplala e preguntaron a un campesiño que clase de luz era aquela.
- É a lúa -respondeu o home-. O noso alcalde mercouna por tres escudos e suxeitouna na copa do carballo. Hai que poñerlle aceite todos os días e mantela limpa para que arda claramente. Para iso pagámoslle un escudo á semana.
Cando o campesiño marchou un dos rapaces dixo:
- Esta lámpada prestaríanos un gran servizo. Na nosa terra temos un carballo tan alto como este. Poderiamos colgala del.
- Sabedes que?- dixo o segundo-. Iremos buscar un carro e un cabalo, e levaremos a lúa. Aquí poderán comprar outra.
- Eu subirei á árbore e descolgareina -dixo o terceiro
O cuarto foi a buscar o carro e o cabalo mentres o terceiro rubiu á copa do carballo, abriu un buraco na lúa, pasou unha corda á súa  través dela e baixouna. Cando tiveron a lúa no carro, cubrírona cunha manta para que ninguén se dese conta do roubo, e así marcharon ata a súa casa.
Todos sentiron gran contento cando viron a nova bóla esparexer a súa luz polos campos e encher as súas habitacións e  apousentos. Os catro raparigos encargáronse de poñer aceite na lúa e de manter todo limpo, e por iso pagábanlles un escudo semanal.
Co tempo os rapaces envelleceron, e cando un deles enfermou e estaba ás portas da morte, dispuxo que depositasen na súa tumba, ao enterralo, a cuarta parte da lúa, da que era propietario. Cando morreu, subiu o alcalde ao carballo e, coas tesoiras de xardineiro, cortou un cuadrante, que foi colocado no féretro. A luz da lúa quedou debilitada, aínda que só un pouco.
Pero á morte do segundo houbo de cortar outro cuarto, co que a luz da lúa minguou un pouco E máis aínda cando morreu o terceiro. Ata que morreu o cuarto e quedou de novo o país ás escuras.
Pero ao unirse os catro cuadrantes da lúa no reino das eternas tebras, os mortos comezaron a axitarse e a espertar do último soño. Estrañáronse ao sentir que vían de novo: a luz da lúa bastáballes. Levantáronse das súas tumbas e alegremente renovaron o seu antigo modo de vida. O ruído era tan  estrondoso que acabou por escoitarse no ceo.
San Pedro, crendo que o mundo de abaixo sublevárase, correu a rexeitar ao inimigo, temendo que o demo tentase invadir o ceo. Pero vendo que non chegaban, montou no seu cabalo e dirixiuse ao mundo subterráneo e fixo que os mortos volveran ás súas sepulturas. Logo levou a lúa e colgouna no alto do firmamento, onde quedou desde entón.

ACTIVIDADES SOBRE A LECTURA

A continuación temos unhas actividades nas que poderemos amosarnos o ben que entendemos o conto e poderemos desenvolver a nosa creatividade, aportándolle cousas novas á historia. A idea é que nos lembremos da historia e respondamos ás preguntas usando as nosas propias palabras. Xa veredes que ben respondidas quedan.
- Quen son as personaxes que protagonizan esta historia? Como era a noite no seu país?
- Como era a noite no lugar ao que chegaron?
- Que idea tiveron? Como a levaron a cabo?
- Que ocorreu cando a lúa deixou de brillar enriba do carballo?
- Onde acabou a lúa?

Agora que temos a historia lida e repasada, grazas ás respostas que demos ás preguntas, imos facer tres debuxos:
1. O primeiro debe representar como era o país coa lúa atada ao carballo. Debemos debuxar todos os detalles que se nos ocorran: a paisaxe que hai, persoas, o carballo, a corda, a posición que ocupa a lúa con respecto ao carballo e ao resto da paisaxe...
2. O segundo debuxo debe amosar como era a lúa dividida en catro cachiños.
3. No terceiro debuxaremos o país, ou incluso o mundo, unha vez que a lúa se colocou no firmamento.
En que se diferencian cada un dos debuxos entre si? Que diferencias hai?

Finalmente remataremos cunhas preguntas que nos farán reflexionar. Que nos ensina o feito de que unha vez separada en anaquiños a lúa perdera o seu efecto e fixera volver á vida a aqueles aos que alumeaba? Que é para nos o brillo da lúa na noite? Imaxinades que non houbera lúa?, como serían as nosas noites?

Seguro que agora todos temos unha visión diferente da lúa e estamos agardando a que caia a noite para poder observala con detalle e emoción antes de ir durmir. Despedímonos ata a próxima actividade, que estamos xa agardando.

Comentarios