MUNDOS FANTÁSTICOS
A literatura fantástica déixanos importantes exemplos de lugares ficticios onde transcorren as aventuras narradas nos libros. Soen ser sitios máxicos e fabulosos, moitos dos cales teñen nomes evocadores dos misterios que agochan. É preciso un traballo moi duro para poder crealos e manter a coherencia na obra. Algúns dos máis coñecidos e que recomendo visitar son:
- “La Tierra Media”, creada por Tolkien e onde habitan seres de todo tipo, dende elfos, orcos, homes e os queridos hobbits... Nela acontece unha das historias máis coñecidas da literatura, a busca do anel único de poder que enfrontará ás hordas de Sauron con todas aquelas criaturas de ben que habitan na Terra Media. Tolkien, un investigador e estudoso da historia e dos mitos e lendas de Europa, posiblemente proxectara na mesma algúns deles, de feito hai quen ve na Comarca un reflexo de Gran Bretaña ou de Italia e Grecia en Gondor. Atopámola en "O señor dos aneis" de Tolkien.
- Ruritania. Trátase dun ficticio país europeo que se ve sacudido polos problemas que xorden no proceso de sucesión ao trono O equívoco ven dado cando fan pasar a un "turista" inglés polo herdeiro debido o seu enorme parecido físico que fará sospeitar sobre a ascendencia xenética do mesmo. Atopámolo no "O prisioneiro de Zenda" de Hope.
- Cherek. É un dos distintos reinos que poboan a serie de libros "As crónicas de Belgarath" ideadas por David Eddings. Xunto con Algaria, Tolnedra, Sendaria, Arendia, Riva... teñen unhas características ben definidas e moi marcadas que os fan moi diferentes entre si e posuidores dunha fauna, flora, costumes, habitantes e clima moi dispares. David Eddigns fai que todo o peso da humanidade recaia nun mozo, inxenuo e un pouco traste, pero o único capaz de enfrontarse ao terrible deus dos murgos, Kal Torak, que quere impoñer o seu xugo a tódolos seres humanos.
- Camelot. Este reino ideal é o do mítico rei Arturo, en Gran Bretaña. Moitos foron os libros que trataron esta figura lendaria dende que foi mencionado por Geoffrey de Monmounth, na súa "Historia de los reyes de Bretaña". Hai quen discute a súa existencia real e dedicouse a buscar os restos da antiga cidade pois do mesmo xeito co seu fundador a súa existencia provoca serias discusións. Hai moitísima literatura referida ao Rei Arturo e a Merlín, sen embargo hoxe vou recomendar un, porque me resultou moi novidosa na súa formulación e orixinal , "El regreso del rey Arturo" de Warren Murphy e Molly Cochran. Este libro baséase na profecía que aventura o futuro retorno do rei. Ambientado na época actual, un neno é a reencarnación do mítico personaxe, e xunto a el aparece o inseparable Merlín máis un detective, posible? reencarnación a súa vez, dun dos cabaleiros, que debe intentar protexelo de Saladino, quen busca desesperadamente recuperar o Grial.
- O país de Nunca Xamais. Lugar de residencia de Peter Pan e os nenos perdidos, ideado polo escritor escocés James Barrie. Este é un mundo aparte, o tempo transcorre moi lentamente e non pasa nunca pero son moitas as cousas que pasan. O capitán Garfo, a fada Campanilla a princesa india Tigrilla, as seres conviven as veces máis mal que ben.
PROPOSTA ACTIVIDADE:
Podedes deseñar o voso propio mundo fantástico e facer un mapa coas localizacións que imaxinedes. O mapa da fotografía que serve de exemplo foi feito por unha cativa, María.
Fonte imaxe: Catálogo Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
Fonte imaxe: Wikipedia
Imagen de Comfreak en Pixabay
Para a elaboración deste texto foi consultado o blog "Viajar Libres". O blog de viaxes Intermundial e a wikipedia.
Comentarios
Publicar un comentario