LUDOEXPERIMENTA 4
PASTELIÑOS DE CREMA

Comecemos!
Ingredientes:
- 150 g de fariña- 100 g de manteiga
- 3 ovos
- 5 g de azucre
- 1 pouquiño de sal
- 100 g de “Azucre glas” (opcional)
- 125 g de chocolate negro (opcional)
- 500 ml de nata (opcional)
Elaboración:
Seguimos estes pasos:1. Peneiramos a fariña. Vertemos nun cazo 250 ml de auga e engadimos a manteiga, o azucre e o sal, ata que ferva. Logo, apartámolo do fogo e botámoslle a fariña, mesturándoo cunha culler de madeira ata que quede incorporada.
2. Poñemos o cazo de novo a fogo medio e seguimos removendo arredor de 2 ou 3 minutos, ata que a masa se despegue das paredes; así deberá formar unha bóla. Retiramos, deixamos que amorne e agregamos os ovos, de un en un mesturando (non engadimos o seguinte ata que o anterior estea totalmente integrado).
3. Botamos a masa nunha manga pasteleira e repartímola, dándolle a forma que queiramos nunha fonte antiadherente ou nunha bandexa forrada con papel de forno. Nós optamos pola forma de boliñas! Poñerémolas no forno (previamente acendido, para que xa collera temperatura) a 180 graos, 15 minutos. Logo retirámolos e deixámolos arrefriar sobre unha reixa.
Unha vez que temos os nosos pasteliños... poñerémonos co recheo! Para iso, nós quixemos enchelos con crema pasteleira, (podedes ver a receita en LUDOEXPERIMENTA 3).Simplemente verteredes a crema nunha manga pasteleira con boquilla e iredes pinchando a base do pastel e introducíndolle o recheo. Senón tamén podedes optar pola nata! Cadaquén segundo os seus gustos.
Ademais, podedes facerlles unha cobertura de chocolate, fundindo este ó baño maría e botándollo por enriba. Nós, neste caso, cubrímolos con “azucre glas”!
E agora... toca degustalos!! Bo proveito!!