LUDOEXPERIMENTA 1

BISCOITO DE CHOCOLATE CON LARANXA

Nestes días nos que pasamos máis tempo nas nosas casas podemos ver como está triunfando a cociña, e sobre todo, a sobremesa!
É normal, pois como se soe dicir...a quen lle amarga un doce?
Neste caso pensamos nun doce de chocolate con laranxa, moi axeitado para que os máis pequenos/as participen na cociña, acompañados por un adulto.

Ingredientes:
  • 1 laranxa
  • 3 ovos
  • 150 g de cacao en po
  • 250 g de fariña
  • 150 g de azucre
  • 100 ml de aceite de xirasol
  • 1 sobre de lévedo en po

 

Elaboración:
Paso 1. Mesturamos a fariña co lévedo e reservamos.
Paso 2: Separamos as xemas das claras. Montamos as claras a punto de neve.
Paso 3: Batemos as xemas e imos engadindo pouco a pouco o azucre e remexendo.
Paso 4: Cando o azucre estea ben incorporado na mestura, engadimos o aceite de xirasol, batendo ben todo.
Paso 5: Agora acenderemos o forno a 180º para que se vaia quentando. Imos incorporando, pouco a pouco, a mestura que tiñamos reservada de fariña e lévedo.



Paso 6: Engadimos as claras montadas a punto de neve, e remexemos.
Paso 7: A continuación, engadimos o cacao en po e ímolo incorporando ben co batedor.



Paso 8: Raiamos a laranxa e espremémola. Botamos o zume pouco a pouco na mestura e imos remexendo. Despois, botaremos as raspaduras de laranxa e incorporámolas ben.


Unha vez ben integrado todo, botaremos a mestura no molde e meterémolo no forno. Xa sabedes que teremos que poñerlle papel de forno ó molde ou tamén podemos engraxalo con manteiga.

Despois de 20-25 minutos aproximadamente, comprobaremos coa punta dun coitelo o grao de cocción, se o coitelo sae limpo ó pinchar o biscoito é que está listo!

Por último quitarémolo con coidado do molde, e deixarémolo arrefriar antes de servilo e degustalo!




Animádesvos a facelo?