FRAGMENTO DE IMAXINACIÓN
Todos coñecemos xente que desprende creatividade, nas cousas que conta, que escribe, no xeito en que fala, amosando a súa personalidade ou creando coas súas mans pezas de arte que xamais se nos terían ocorrido. Outras persoas con capaces de crear ou cantar as cancións máis fermosas ou tocar as notas máis emotivas nun instrumento musical. Incluso pode que, quizais, nós pertenzamos a ese grupo de xente. Tanto se é así coma se non o é, saberemos apreciar a importancia que ten no día a día a creatividade, xa que nos axuda a darlle outra cor ao noso día ou a resolver os nosos problemas dun xeito incrible.
Como exemplo imos ler este conto, que é unha versión en galego do que escribiu Oscar Wilde, que en poucas liñas nos amosa algo moi curioso. Despois de lelo responderemos a algunha preguntas para pensar sobre a ensinanza que trae.
O Home que contaba historias
Había unha vez un home moi querido na súa vila porque contaba historias. Todas as mañás saía da vila e, cando volvía polas noites, todos os traballadores do lugar, despois de traballar duro todo o día, reuníanse ao seu redor e dicíanlle:
- Veña, conta, que viches hoxe?
O home explicaba:
- Vin no bosque a un fauno que tiña unha frauta e que obrigaba a danzar a un corro de silvanos.
- Segue contando, que máis viches? -dicían os homes.
- Ao chegar á beira do mar vin, ao fío das ondas, a tres sereas que peiteaban os seus verdes cabelos cun peite de ouro.
E os homes apreciábano porque lles contaba historias. Unha mañá o home deixou a vila, do mesmo xeito que facía cada mañá… Pero ao chegar á beira do mar veu a tres sereas, tres sereas que, ao fío das ondas, peiteaban os seus cabelos verdes cun peite de ouro. E, camiñando, chegou preto do bosque, viu a un fauno que tocaba a súa frauta e a un corro de silvanos… Aquela noite, cando regresou ao seu pobo e, como os outros días, preguntáronlle:
- Veña, cóntanos que viches?
El respondeu:
- Non vin nada
ACTIVIDADES SOBRE A LECTURA
- O protagonista do conto contaba historias aos seus veciños, como se foran cousas que el vivira durante o día, que eran en realidade?
- Por que lles contaba esas historias? Que pensades que conseguía contándolles historias fantásticas, para finalizara un duro día de traballo e esforzo?
- Como credes que viviu o home o día que se atopou fronte a fronte coas personaxes das súas historia?
- A pregunta final, e probablemente a máis importante, por que dixo que non vira nada, cando en realidade ese día a fantasía coa que entretía e marabillaba aso seus veciños se fixera real?
Agora trataremos de construír a nosa propia historia, que contaremos coma se fose totalmente certa. De feito, desde o momento en que comecemos pensar nos diferentes elementos que a compoñen, imos crer que realmente vimos o que estamos a piques de contar. Preparados todos para crear un pequeno relato fantástico, pero certo, que transmitiremos á nosa familia, amigos, veciños...?
Comezamos pensando nos seguintes elementos:
- O lugar no que aconteceu a historia. Debemos indicar tamén que facíamos alí.
- A personaxe principal que protagonizará os feitos que máis adiante relatemos.
- Algo que fai a nosa personaxe ou que lle acontece. Por exemplo, podemos contar que estaba a buscar algo, esperar por alguén... ou simplemente que pasaba por alí e observamos que algo lle acontecía.
- Pensaremos en que fai a personaxe da nosa historia durante o suceso e como se resolve, como acaba.
- Podemos incluír tamén a outras personaxes que participan do ocorrido, pero isto non é preciso, simplemente nos axudará a darlle acción ao relato.
- Finalmente debemos revisar a estrutura da historia e incluír os detalles que vexamos precisos para facela o máis crible posible, que observamos todo iso.
Con todo isto podemos elaborar un relato que debe ser breve, porque para contarllo ás persoas que nos rodean debemos lembrar ben todos os detalles e que non se nos escape ningún. Así faremos que unha pequena e divertida ocorrencia forme parte do noso día e das persoas ás que cheguemos a través do noso testemuño.
Como vedes, coa nosa imaxinación podemos entreter e alegrar a moitas persoas, sobre todo nestes días nos que a fantasía é tan necesaria para volver reconstruír a nosa nova vida normal.
Agardamos que desfrutarades confeccionando un pequeno fragmento do que pode chegar unha gran historia, se seguimos elaborándoa. Como esta, traeremos máis ideas que nos axuden a traer á nosa realidade cachiños da nosa imaxinación. Deica a próxima!
Comentarios
Publicar un comentario