EXPERIMENTO. EXPLOSIÓN DE CORES 1

O experimento de hoxe está especialmente pensado para que os nenos xoguen e poñan a proba a súa
creatividade, ao mesmo tempo que aprenden un pouco de ciencia. Os materiais son fáciles de atopar pola casa excepto o colorante, que o podemos atopar nalgúns supermercados ou tendas de repostería, se é que non o temos.

Materiais:
Colorante alimentario líquido (polo menos de tres cores diferentes)
Un prato (un pouco fondo)
Leite (mellor enteiro)
Xabón quitagraxas (o de lavar a louza)
Unha boliña de algodón
Un “bastonete” (para os ouvidos)

Procedemento:
Primeiro vertemos un pouco de leite no prato. A leite se é posible que sexa enteira.



A continuación, votamos unhas gotas de cada colorante no centro do prato, o máis xuntas posible pero sin poñer unhas enriba das outras. Con dúas de cada cor é suficiente. Como vedes eu puxen algunha máis, pero mellor é non poñer tanto.



Despois, collemos a boliña de algodón, votámoslle un chisco de xabón e poñémola no centro do prato.


As cores comezarán a moverse rapidamente, aloxándose da bola de algodón, debuxando formas variadas. Isto tamén o podemos facer co “bastonete” e despois polas veiras, aparecerán novas figuras e mesturas de cores. Aquí é onde os nenos o pasarán en grande intentando crear o mellor deseño. Ao final acabará todo mesturado… pagará a pena polo bo momento visual que nos da! É un efecto moi bonito.



Explicación:
Ademais de servirnos como base en branco para o noso “debuxo”, o leite fai que os colorantes non se disolvan nel polas graxas que contén, as cales os manteñen concentrados.

O leite é na súa maior parte auga pero tamén contén entre outros produtos, graxas e máis o leite enteiro. Cando engadimos os colorantes estes flotan porque son menos densos que o leite pero cando o xabón entra en acción, os colorantes comezan a correr polo prato mesturándose, e retorcéndose, creando un efecto sensacional.

Dúas cousas sucederon: a primeira é que o xabón rompe a tensión superficial do leite e as cores saen despedidas afastándose do xabón. A segunda é que o xabón ten unha misión que cumprir que é atrapar as graxas. Esta persecución fai que o leite se mova creando correntes e remuíños nos que quedan atrapados os colorantes. Cando o xabón atrape toda a graxa, o movemento parará.

Comentarios