EN XOGO: A CAPTURA DAS CHAVES

Esta vez propoñémosvos un xogo moi divertido e emocionante, pero ollo tedes que ter moita cautela e ser silenciosos e silenciosas...

É unha boa opción para xogar en familia e demostrar as vosas habilidades de escoita! Para xogar só precisades un xogo de chaves e un pano e tamén buscar un espazo libre de obstáculos.

Contámosvos de que se trata...

Descrición do xogo:
Unha persoa será o dono ou dona das chaves, e situarase sentada no medio do chan cos ollos tapados cun pano, e coas chaves detrás súa. Mentres, o resto dos participantes, estarán diante desta de pé, separados por 3-4 metros aproximadamente.

Primeiro, sairá unha persoa camiñando amodiño para non facer ruído, ata conseguir chegar xunto ao dono/a das chaves e quitarllas cun movemento rápido.

A función do dono/a das chaves, consistirá en escoitar atentamente cada chío para conseguir decatarse de se alguén se lle aproxima para facerse coas chaves. Polo tanto, terá que sinalar no espazo claramente de onde pense que provén o ruído e, se acerta, a persoa que se estivera movendo terá que retroceder ata a súa posición inicial e saír de novo máis tarde.

Sucesivamente, irán saíndo os/as demais participantes até que alguén logre conseguir as chaves. De ser así, quen as consiga gañará e pasará esta ou outra persoa a escoitar, é dicir, será o dono ou dona das chaves.

Estades preparados e preparadas? Deixámosvos aquí un debuxo para que vos fagades unha idea de como colocarvos...



A xogar!!