DOCES DO MUNDO

Na anterior entrada propuxémosvos uns aperitivos típicos de Marrocos e Oriente Medio e hoxe o que vos queremos achegar son 2 postres: Pasta Frola (típica de países como Uruguai e Arxentina, de Sudamérica en xeral) e Tarta Sacher, que aínda que a día de hoxe se consume en moitos lugares é típica de Viena. Estades listos? Comezamos!!

1. PASTA FROLA
Ingredientes:
  • ½ kg de fariña
  • 1 cullerada de lévedo
  • 150 gr de azucre
  • raspadura de laranxa ou limón (ó gusto)
  • 250 gr manteiga
  • 250 gr marmelo
  • 2 ovos
  • esencia de vainilla
O primeiro que debemos facer é peneirar a fariña e a lévedo. Mesturamos. Engadimos o azucre, a raspadura de laranxa/limón e a manteiga. Para que os máis pequenos participen activamente na elaboración deste doce podemos mesturar todo isto pisando coa axuda dun garfo ata que todos os ingredientes estean ben integrados.

A continuación, debemos engadir os ovos de un en un e mesturar moi ben. Agregamos a esencia de vainilla unha vez que teñamos unha masa uniforme.

O seguinte paso será espolvorear fariña nunha superficie limpa e amasar ben coas mans ata obter unha masa branda. Se consideramos que está moi líquida podemos engadir un pouco máis de fariña pero pouco a pouco, posto que o resultado debe ser unha masa branda (se nos pasamos e queda demasiado dura podemos solucionalo engadindo un pouco de leite). Chegados a este punto facemos unha bola coa masa, envolvémola en “film” e metemos no frigorífico uns 30 minutos.

Pasado este tempo, deixamos a masa uns minutos fora. Dividimos a masa en 4 anacos e reservamos 1. Os 3 restantes debemos unilos de novo amasándoos. A continuación, estiramos esta masa coa axuda dun rolo o suficiente para cubrir o molde onde vaiamos facer a tarta. Este molde debe estar untado de manteiga e enfariñado para evitar que se nos pegue e despois poder sacala con maior facilidade. Unha vez estirada a masa no molde debemos colocala ben neste coa axuda das mans, con coidado para que non se rompa.

Agora que xa temos a base prepararemos o recheo, algo moi sinxelo: cortamos o doce de marmelo en anacos pequenos e engadimos un pouco de auga e imos pisando coa axuda dun garfo. Outra opción válida sería empregar un pasapuré. A cantidade de auga dependerá da textura que queiramos obter, máis ou menos líquida. Unha vez que teñamos listo o marmelo tan só nos queda verter este recheo encima da pasta frola que temos colocada no molde.

Poñemos a quentar o forno a 180°. O último paso será decorar por encima facendo tiras co cuarto de masa que anteriormente reservamos: estiramos cun rolo e cortamos tiras de masa que colocamos encima do recheo. Pasados uns 45 minutos no forno, sacamos e deixamos arrefriar.

Xa teríamos a tarta lista e, por un momento, podemos trasladarnos gracias ó noso padal a países como Uruguai e Arxentina!!!
* Deixámosvos unha imaxe do molde ideal para facer este doce:



2. TARTA SACHER
Ingredientes:
  • 8 xemas de ovo
  • 8 claras de ovo
  • 160 gr de manteiga
  • 50 gr de azucre glacé
  • 160 gr chocolate negro
  • 170 gr azucre
  • 160 gr fariña
  • 5 gr lévedo
  • marmelada de albaricoque
  • 100 ml nata para montar
  • 140 gr chocolate negro (para a cobertura)
  • 20 gr manteiga
  • 3 culleradas sopeiras de auga
Para comezar a facer este biscoito de chocolate debemos ter a manteiga a temperatura ambiente e pomala (traballala coas mans para conseguir unha “masa”). A continuación debemos batela co azucre glacé.

Por outro lado debemos derreter o chocolate negro (ó baño María ou no microondas), deixamos arrefriar e engadimos á mestura anterior. Revolvemos todo e imos engadindo as xemas de unha en unha (cando unha estea integrada engadiremos a seguinte e así coas 8).

Coa axuda dunhas batedora, montamos as claras co azucre a punto de neve e engadimos a todo o anterior. O ideal para mesturar sería empregar unha espátula ou unha lingua de silicona facendo movementos envolventes para manter a textura das claras montadas.

O último paso, do biscoito, será agregar a fariña e o lévedo previamente peneirado. Untamos o molde con manteiga e fariña para que non se nos pegue e introducimos no forno, que teremos a 180°, uns 40 minutos (comprobamos que está feito pinchando cun palillo: se sae seco estará lista).

Unha vez que teñamos o biscoito listo e frío cortámolo pola metade, estendemos unha capa de marmelada de albaricoque (máis ou menos fina en función do gusto de cadaquén) e volvemos “cerralo”.

O paso definitivo será facer a cobertura. Nun cazo ó lume poñemos a nata, o chocolate e a manteiga e deixamos que se derreta todo por completo. Agregamos a auga e seguimos mesturando. Deixamos que se arrefríe un pouco e bañamos o biscoito con esta cobertura.

Agora o único que nos queda é desfrutar en familia destas 2 receitas. Esperamos que vos gusten e que vos divirtades en familia elaborándoas!!!

A imaxe da Tarta Sacher é de pequerecetas e a da Tarta Frola de recetasgratis

Comentarios