CREMA DE CACAO E AVELÁS ACOMPAÑADA DE PICOS

1. PICOS DE PAN
Ingredientes:
350 gr. de fariña de forza
6 gr. levado en po
1 culler de sal
200 ml. de auga
50 ml. aceite de oliva
grans de sésamo, chía, pipas… o que máis nos guste (opcional)
Collemos un bol o suficientemente amplío para despois poder amasar nel coas mans sin dificultades. Comezamos por peneirar a fariña e a levado. Mesturamos coas mans ou coa axuda dunha espátula ou culler de madeira (o máis divertido será facelo coas mans!). A continuación engadimos sal e integramos ben coa fariña e a levado. Agora chega o máis divertido: o momento de engadir a auga e amasar! Por último, incorporamos o aceite e os grans seleccionados e seguimos traballando a masa coas mans. Debemos amasar ata obter unha masa fina e uniforme, sin grumos e na que tódolos ingredientes estean perfectamente integrados!! Se nos queda masa pegada nas mans podemos “empolvar” as mans con fariña e continuar co amasado ata que non se nos quede pegada.
Mentres amasamos poñemos a quentar o forno a 200° con calor por arriba e por abaixo. A continuación, daremos forma ós picos. Os máis habituais e sinxelos son alongados pero podemos darlle as formas que queiramos (circulares, con forma de corazón…). É importante que, independentemente do formato que lles demos, estes sexan delgados e finos xa que ó metelos no forno medrarán. O último paso é colocalos na bandexa, previamente cuberta con papel de forno, o suficientemente separados para que ó medrar non se peguen entre si. O tempo de forno será duns 20 minutos, aproximadamente, ou ata que vexamos que adquiren un toque dourado por fóra.
Así de sinxela e divertida é esta receita. Unha vez fóra do forno tan só debemos deixalos arrefriar e podemos conservalos nun tarro hermético.
2. CREMA DE CACAO E AVELÁS
Ingredientes:
250 gr. de avelas
125 ml. de leite
4 dátiles
3 culleres sopeiras de cacao en po
azucre (opcional)
O primeiro será introducir as avelas no vaso da batedora para triturar ata obter unha especie de “fariña” de avelás. Conseguido isto incorporamos o leite, os dátiles (sin pepitas) e o cacao. Se preferimos obter un sabor máis doce debemos, neste momento, engadir azucre, xa que o cacao é bastante amargo. O único que nos falta por facer é bater todo cunha batedora ou a man. Unha vez que tódolos ingredientes estean perfectamente integrados xa teríamos a nosa crema lista para comer acompañada dos picos que fixemos en primeiro lugar.
Esperamos que desfrutedes estas receitas tanto á hora de facelas como á de comelas! Unha merenda ideal: doce e saudable!
Imagen de Photo Mix en Pixabay
Comentarios
Publicar un comentario