CONFINADOS PERO NON ILLADOS 3
Carta ao meu eu do futuro

Quizais te preguntes para que che pode servir isto. É moi sinxelo. Por unha banda, desde o presente, sempre hai algo estrañamente emocionante en comunicarse cun eu futuro, por outro, desde o futuro sempre hai algo curiosamente tenro en reencontrarnos con quen eramos. Por último, pero non menos interesante, hai unha función práctica en escribirnos, a de poñer por escrito os nosos pensamentos e así poder ordenalos e/ou tranquilizar as nosas mentes.
Por se non se vos ocorrese que dicirvos déixovos aquí a miña propia carta. Espero vos sexa útil.
Querido eu futuro,
Escríboche aínda confinado na miña casa por este minúsculo virus que en pouco tempo puxo o noso mundo patas para arriba (ás veces penso que se non estivésemos confinados en casa estariamos todos correndo como pitos sen cabeza sen saber moi ben que facer así que case mellor así). SARS Cov-2 chámano (segundas partes nunca foron boas), o que vén ser Severe Acute Respiratory Syndrome ou traducido Síndrome Respiratoria Agudo Grave, e veu desde Asia aínda que nun mundo tan interconectado como este iso pouco importa.
Ao principio era só unha noticia afastada, algo que pasaba nunha cidade de China chamada Wuhan que non entendiamos moi ben (eu mesmo pensei ata o último momento que se trataba dunha simple gripe como aquelas de as que nos alertaran xa outras veces para ao final quedar en nada ou case nada). Noticias de hospitais cheos, de persoas encerradas nas súas casas, de persoal sanitario esgotado,... Que equivocados estabamos todos!
Pronto a enfermidade xa estaba en Italia e despois, recordo que era marzo (que lonxe queda agora!), chegaron a nós as noticias dos primeiros casos detectados. Sen que lle désemos moita importancia a enfermidade xa chegara aínda que hai quen di que xa levaba algún tempo entre nós traída a través dos frenéticos roteiros comerciais. Recordo que neses momentos chegaron as primeiras recomendacións. Hai que lavarse as mans con auga e xabón frecuentemente. A partir de aí todo empezou a acelerarse.
Só unha semana despois os casos multiplicábanse por toda España aínda que especialmente na CCAA de Madrid. Quedaba claro xa que non ía ser posible conter a enfermidade sen confinarnos do mesmo xeito que fixeran en China e acabarían facendo en todo o mundo. Ninguén estaba preparado para o que xa tiñamos enriba. Naqueles momentos en que o Goberno decretou o estado de alarma lembro que desde Reino Unido e EEUU dicíase que non, que a economía non se podía parar, que había que seguir en activo, que pronto alcanzarían a inmunidade de grupo…… Pobres, pronto tiveron que encerrarse tamén pero cun maior coste.
Desde todo aquilo pasou algo máis dun mes e aquí seguimos aínda que xa empeza a verse a luz ao final do túnel. O día 27 poderán por fin saír un pouco os/as menores ata 12 anos e empeza a falarse tamén de se pronto poderemos saír a facer un pouco de exercicio (a curva da miña barriga esa si que vai ser difícil de conter) ou os maiores para pasear. Neste mes houbo moito medo e confusión pero aquí estamos, a vida segue como nos lembran os nosos veciños aplaudindo todos os días ás 20 h a quen sen descanso (persoal sanitario, de seguridade e do sector da alimentación principalmente) velan por nós aínda a risco de contaxiarse.
A verdade é que che escribo porque me gustaría saber que tal estás. Aínda que son optimista e cada vez máis son tantas as dúbidas que me asaltan sobre que pasará a partir de agora!
A primeira é cando teremos unha vacina e/ou un tratamento efectivo. Non me cabe dúbida de que, con todo o que estamos a aprender sobre o virus, pronto teremos algunha ou as dúas e poderemos ir recobrando a plena normalidade de darnos a man, abrazarnos e non ter que estar a bailar a metro e medio polos estreitos corredores dos supermercados.
A segunda é como será o teu mundo, o meu mundo dentro dun ano. Aprenderiamos algo desta pandemia? Seguro que si. Polo menos confío en que a Sanidade Pública salga de todo isto fortalecida, que a produción de bens básicos que levamos a fabricas instaladas na outra punta do planeta regrese, que aprendésemos que coa natureza nin se xoga nin se negocia así que mellor tomarse en serio o risco que supón para a humanidade o cambio climático. Espero tamén que vivas nun mundo onde os países aprendesen que de nada serven as súas fronteiras fronte a un inimigo invisible e que só a través da cooperación podemos enfrontar riscos mundiais como é a xestión dos recursos non renovables. Por último espero que ti e quen che rodea dunha forma ampla esteades ben, que fósemos capaces de dar o mellor de nós para recuperarnos canto antes desde a cooperación e que creásemos unha nova e mellor normalidade que a que vivimos ata o de agora.
Un abrazo moi forte e cóidate moito