TEATRO EN LIÑA II

A primeira peza que trouxemos para coñecer, analizar e desfrutar durante estes días era unha versión libre dunha obra, referente internacional do teatro de mediados do século XX. Para a presente entrada consideramos axeitado achegarnos á nosa terra e ir un pouco máis atrás no tempo, xa que o texto que agora trataremos é froito da excelsa obra dun dos nosos máis prolíficos autores, Ramón María del Valle Inclán. Valle é autor de numerosas obras en diversos xéneros literarios, máis é principalmente coñecido polas súas pezas de teatro, nas que adoitaba analizar e criticar a sociedade do seu tempo a través dun particular estilo que o levou a ser identificado co Esperpento, no que situamos gran parte da súa produción literaria, especialmente no que se refire ao teatro.

A Cabeza do Dragón

Malia que normalmente identificamos a Valle coas notas definitorias do Esperpento, situacións grotescas, personaxes deformados, estraños e escuros espazos… A peza que hoxe traemos afástase, en boa medida, do que define a este estilo.

Orixinalmente titulada “Farsa Infantil de la Cabeza del Dragón”, é un texto nacido con intención de achegarse a un público infantil no que á temática e á estética se refire, máis ofrece unha dobre lectura, agochada baixo unha coidada farsa sobre a política e a sociedade de principios de século, criticando as accións dos estratos superiores da sociedade e a inercia que envolve aos estratos inferiores.

Temos, pois, unha peza localizada nun espazo que poderíamos describir como medieval e cabaleiresco, no que aparecen as figuras de viláns, reis e cortesáns, así coma seres mitolóxicos, e no que o heroe, neste caso un príncipe fuxido do reino do seu pai, debe enfrontarse a retos e aventuras para completar o seu camiño. É así como coñeceremos a historia de Verdemar, un príncipe que, xogando cos seus irmáns, libera a un trasno pechado nunha torre por orde do seu pai, o rei, de quen fuxirá o noso protagonista. No seu exilio toparase con diferentes personaxes para, finalmente, baterse cun dragón que ameaza un reino veciño e cuxa infantiña agarda a ser ofrecida como sacrificio.

Poderemos desfrutar dunha versión ao estilo de Producións Teatrais Excéntricas, que elixiu este título para representar, en 2017, a súa primeira versión en galego con motivo do 80 aniversario da morte do seu autor. Trátase dunha versión que, respectando as detalladas concrecións que Valle recolle en forma de comentarios, inclúe unha serie de anacronismos propios, que unidos aos que o propio autor contempla no seu texto, conforman unha historia máis que interesante. A isto súmase a conxunción de elementos estéticos, presentes na escenografía, nas roupas e nos espazos de luz e de son, que mesturan estilos tradicionais e enxebres (poderemos ver sombreiros e coroas feitas con pandeiretas ou peneiras, banquetas de madeira típicas das tabernas….) con outros de estilo contemporáneo (saias de tecidos sintéticos, un pano de fondo feito en plástico transparente...). Todo situado nun ambiente que claramente poderíamos relacionar coa cultura oriental, dentro da cal observamos, en clave de comedia, unha serie de diálogos e coreografías que nos sorprenderán e nos manterán dentro da historia ao longo dos 95 minutos que dura a función.

Sen máis dilación, deixamos o vídeo para que vexades a peza, tras a cal teremos o noso pequeno Teatrofórum para centraranos nas nosas percepcións e impresións da obra.

“A Cabeza do Dragón”, versión de PT Excéntricas

Teatrofórum

A continuación, unhas preguntas que nos axudarán a reflexionar sobre a peza:

- Como diciamos máis arriba, respéctanse os comentarios do autor ao longo da peza de que forma se inclúen. Serven de axuda para entender e seguir a peza. Cabería outro xeito de incluír esta información que o autor nos proporciona.
- Outra cuestión que se mencionaba na presentación da obra era a mestura de elementos de distintos estilos, en que percibimos esa mestura. Resulta novidosa ou desconcertante nalgún momento ou, pola contra, percibimos unha unidade que conxuga os estilos.
- ¿Podemos ver a crítica que pretende facer Valle a través desta farsa? Se e así, resulta algo afastado do noso tempo ou hai certos aspectos que se manteñen vivos a día de hoxe?

Photo by Denise Jans on Unsplash