TEATRO EN LIÑA I
Nestes momentos, nos que tras varias
semanas de illamento da vida social, dos paseos, das saídas, das visitas
aos museos, cines, teatros e á total privación de interacción física
máis alá das paredes do noso fogar, parece que imos logrando restablecer
dalgún xeito as nosas rutinas e quefaceres diarios. Dentro destas cabe
espazo para actividades de todo tipo, en gran medida grazas ás vantaxes
que nos ofrece internet, como soportes de distinto tipo para acceder a
contidos audiovisuais, como películas ou series, documentais, blogs e
lectura de todo aquilo que un desexe.
Pode semellar que
agora, dirixir a mirada cara xéneros como o teatro, a danza o circo, en
definitiva, artes vivas, é absurdo, posto que foron concibidas para ser
desfrutadas en directo. Ata certo punto é certo debido a que en todas
elas se establece unha conexión especial entre intérpretes e público,
situando a este último nun lugar de receptor activo, e en moitas
ocasións con posibilidades para enriquecer o espectáculo. Fronte a isto,
tamén é certo que nos atopamos nunha tesitura complicada para ambas
partes debido ás implicacións da circunstancia. Por un lado, todas as
persoas que adican a súa vida a traballar nas artes vivas están
obrigadas, coma tanta outra xente, a cesar a súa actividade, supoñendo
isto a cancelación de funcións durante un tempo non especificado. Isto
pode supoñer, ademais, que o potencial público se desligue, consciente
ou inconscientemente, da oferta cultural, incluso unha vez todo retorne á
normalidade.
Podemos tentar, a través da seguinte
proposta, que isto non suceda. Moitas compañías e profesionais das artes
están a ofrecer de forma aberta contidos dos seus espectáculos na rede,
como contribución a paliar os efectos nocivos do illamento, do
aburrimento e da angustia que provoca a privación de moitas das nosas
afeccións.
Este post é o primeiro dunha recua de
recomendacións de visionado de obras que podemos atopar na rede e que
serán complementadas con cuestións no estilo do cinefórum ou
teatrofórum, de xeito que ademais de disfrutar, poidamos reflexionar
sobre todo o visto.
Esperando a Godot
Traemos
como primeira proposta un clásico do teatro, unha posta en escena da
obra Esperando a Godot, de Samuel Becket. Trátase dunha peza escrita a
finais da década de 1940 que é, sen dúbida, unha obra clave do teatro do
absurdo. Como apunte, diremos que o teatro do absurdo caracterízase por
presentar un problema ou conflito, en cuxo desenvolvemento as accións
adoitan ir en contra de toda lóxica, para chegar a un final que
raramente resolve o problema.
Nesta versión poderemos
ver, en clave de comedia, como dúas personaxes principais, Vladimir e
Estragón, viven á espera dunha misteriosa figura á que chaman Godot e
que semella que nunca chega. A acción desenvólvese en dous actos e un
único espazo, caracterizado pola soa presenza dunha árbore e un camiño
que cruza un amplo terreo vacío. Nesa situación, na que semella non
ocorrer nada, malia ás innumerables accións e situacións que van
acontecendo e incluso repetíndose, podemos facer máis dunha lectura e
reflexionar sobre disintas interpretacións en canto ás personaxes (como
son, por que pensan e actúan así), a natureza da historia e o seu
universo.
A versión que presentamos pertence á compañía
NNC, que xurdiu no contexto universitario de Compostela alá polo 2004.
Este Esperando a Godot foi estreado en 2011 e a grabación, cuxo enlace
deixamos a continuación, pertenece á representación realizada durante a
XXII Mostra de Teatro Universitario de Galicia.
A
continuación atópase o enlace á obra, sobre a que posteriormente
plantexaremos algunhas preguntas que invitan á reflexión sobre o seu
contido.
Esperando a Godot from Roi Méndez on Vimeo.
Teatrofórum
Agora
que coñecemos a peza máis en detalle e que puidemos profundizar sobre o
seu sentido e significado, propoñemos unhas cuestións que poden ser de
interese para facer exame do que nos transmite ou aquilo que puidemos
pasar por alto. Cal é a razón pola que Vladimir e Estragón din que
esperan a Godot?. Que pode significar esa espera en realidade? Por que
motivo ambos protagonistas esquecen continuamente aquilo que fixeron ou o
que están a facer no momento da acción? Como se percibe o
desenvolvemento da acción? Como se estrutura a acción de principio a fin
da peza? Que sucesos acontecen e que valor lles damos? Quen será
realmente Godot? Que podemos extrapolar do sucedido ao longo da peza ás
nosas propias experiencias?
Como vemos, se
seguísemos tirando do fío, estas preguntas poderían levar a moitas
outras, mais deixaremos que cadaquén se faga cargo de escrutar ata onde o
desexe, dende hoxe ata o vindeiro Teatro en liña.
PD: Para aqueles de vós que queirades tamén ler o texto da obra, aquí vos vai un enlace que contén o pdf do texto en castelán.
Photo by Danilo Batista on Unsplash