OS BENEFICIOS DO MOVEMENTO LIBRE NO BEBÉ



O “movemento libre”, que nalgúns ámbitos de crianza con apego e crianza respectuosa está a orde do día, en realidade é unha pedagoxía bastante descoñecida.

- QUE É O MOVEMENTO LIBRE

A pedagoxía Pikler ou a teoría do “movemento libre” ten coma principal característica a non intervención da persoa adulta nos movementos do bebé. É dicir que o bebé non pode ser colocado en posturas que non alcanzou por el mesmo.

Por exemplo: Se sentamos a un bebé que non está preparado para alcanzar esta postura, estámolo poñendo nunha situación na que se verá privado de movemento ao non poder mover o tronco inferior, e polo tanto estaremos limitando a súa autonomía e posibilidades de aprendizaxe.

A teoría defende que as crianzas son capaces de alcanzar por elas mesmas, tódalas etapas: intermedias e as principais coma o volteado, gateo, sentarse e camiñar, sen necesidade de que ninguén lles ensine.

- FUNCIÓN DA FIGURA DE APEGO:

Será a de acompañar (estando presente) e observar sen intervir. O que de primeiras parece moi sinxelo pode non selo tanto, xa que temos moi arraigado o intervencionismo na nosa propia educación. Compre informarse ben e aprender.

Existen numerosos recursos que falan deste tema por exemplo:
- Laura Estremera no seu blog ou facebook. No blog conta cun libro de crianza de descarga gratuíta bastante interesante.

- BENEFICIOS DO MOVEMENTO LIBRE

Unha crianza que alcanza as diferentes fases de movemento por ela mesma terá maior control sobre o seu corpo, maior autonomía que está relacionada ca autoestima, e o seu corpo non terá sobrecargas.

Ter vivencias a través do corpo ten vantaxes coma:
· Os apoios en cóbados e mans alcanzados na fase boca abaixo repercuten na postura de escribir sobre a mesa.
· Atravesar as etapas do chan danos información de como vai madurando o cerebro.
· O movemento contra lateral repercute nas aprendizaxes coma o cálculo, a lectura ou a escritura.

- A TER EN CONTA

Tamén compre destacar que o entorno debe ser seguro e amplo, o chan firme e cálido e que poida ter estruturas que permita reptar ou erguerse.
A vestimenta debe ser cómoda e os pés descalzos sempre que sexa posible.

- EMMI PIKLER

Emmi Pikler (1902-1984) pediatra húngara que realizou unha investigación con 722 crianzas dende o ano 1946 ao 1966 e outro con 5 crianzas de 1966 a 1969. Baseouse en investigacións de actividades cotiás.
O resultado foi que cando as relacións da persoa adulta e da crianza son satisfactorias e a crianza dispón de movemento libre, o gateo e a marcha , e tódalas anteriores fases aparecen sen retraso notable, sen intervención directa do adulto e sen necesidade de aparatos.

Pikler, E. (1984) “Moverse en libertad: desarrollo de la motricidad global”. Narcea.