LETRAS GALEGAS 2020. SCÓRPIO

Nestes intres de semi-cautividade a lectura pode ser a mellor compañeira. Preséntovos aquí unha pequena guía, unhas chaves, para emprender a aventura de Scórpio. Espero que sirva de estímulo para achegarse á segunda e derradeira novela do autor ferrolán.

Carvalho Calero chámalle romance en lugar de novela. Pon como paradigma Os Camiños da Vida de Otero Pedrayo. Pois considera que o termo novela noutros países refírese a un escrito breve.

Funciona como un tributo á valiosa xeración truncada pola Guerra Civil. Os anos das vangardas. Todo contado de forma lineal no tempo. É curioso que Calero escribe moi ó final da súa vida sobre sucesos que acaeceron na súa mocidade. Nas páxinas do libro recóllense, con aportacións autobiográficas, os chanzos que vai dando o galeguismo. As actividades do Seminario de Estudos Galegos, as asembleas de estudantes, folgas, recitais de poesía… Mesmo teñen trato con Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo ou Suárez Picallo... "Hai, porém, que comportar-se seriamente, e sacrificar algo ao bem comum. Estamos num momento histórico. Hai que comprometer-se".

Unha obra na que cada capítulo ten un narrador distinto. Unha composición polifónica e heterobiográfica. Así cada un vai dando a súa opinión sobre o protagonista, Scórpio, alcume de Rafael Martínez Pinheiro. É moi orixinal que non teña voz propia para defenderse. Non sabemos todo del pois é algo reservado. E ten a fatalidade de ser fillo de pai nunca identificado e orfo de nai a pouco de nacer.

A obra ten dúas partes. Na primeira quen ten máis voz é o seu amigo Sagitário; na segunda é Casado, compañeiro de estudos de Salamanca e tamén nas oposicións. Vese o enorme éxito dun rapaz republicano coas mulleres como Chéli, doméstica e maternal, Merche, Amália, Helena... Pero especialmente con Cleo que serve de continuidade entre os anos en Santiago de Compostela e a guerra en Barcelona onde morre con Scórpio.

Scórpio ten a peculiaridade de estar redactada en galego reintegrado, que empregou Calero nos últimos anos, polo que se achega ao portugués. Hai quen critica que a reedición foi moi tardía por mor dese conflito lingüístico. Na obra os personaxes reflexionan sobre o uso da lingua; “o galego que falamos está mui estropiado, porque as gentes de mais poder e riqueza e cultura falam ordinariamente em castelhano, e todos tendem a imitá-las".