LETRAS GALEGAS 2020 . RECOMENDACIÓNS LITERARIAS

O homenaxeado este ano no día das nosas letras é Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990). Foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago. Filólogo, escritor e ensaísta, como creador cultivou dende a novela ata o teatro, sen esquecer a poesía, ademais de exercer a crítica literaria.

Toda a súa traxectoria vital estivo intimamente ligada ó galeguismo, tivo un papel destacado na creación do Partido Galeguista (1931) e na redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia, foi secretario do Seminario de Estudos Galegos e membro da Real Academia Galega e sobre todo será coñecido por ser o principal teorizador e defensor das teorías do reintegracionismo lingüístico co portugués como vía para a normalización do galego.

Dentro do seu traballo académico destaca a Historia da literatura galega contemporánea (1975) e os Estudos Rosalianos (1979). Como poeta, podemos mencionar os seus inicios en castelán de obras como Trinitarias (1928) e La Soledad confusa (1931), para continuar en galego con Vieiros (1931) entre outras.



Nós dende aquí queremos recomendarvos a súa obra:



A xente da Barreira (1950), considerada a primeira novela galega de posguerra. Cóntanos a historia dunha familia fidalga, a través de varias xeracións, que viven no mundo rural galego, na transición do século XIX ao XX. É o reflexo dunha parte da sociedade galega, o esmorecemento da antiga aristocracia rural, o paso dunha economía de antigo réxime ó sistema monetario moderno, a aparición de novas profesións e o desenrolo de novas clases sociais que van socavar o poder da Casa Barreira, en resumo a transformación do sistema social e económico do país.
(Esta novela podedes atopala nas nosas bibliotecas).
Editorial: La Voz de Galicia- Biblioteca Gallega
Edición:2002
Páxinas:112 p.
ISBN:978-84-9757-019-0

Se queredes afondar máis na vida e na labor levada a cabo por Carballo Calero na investigación, estudo, análise e divulgación da nosa lingua e literatura, no seguinte enlace de GaliciaLe podedes atopar varias obras que poden ser do voso interese.

Para as crianzas recomendamos a lectura de:

As pitas baixo a choiva, un conto infantil de Ricardo Carballo Calero.



Esta historia viu a luz por primeira vez na revista Lar publicada en 1952, e a editorial Embora preséntaa por primeira vez en formato libro en 2008.

Trátase dun relato breve que narra un feito anecdótico da infancia de Ricardo Carballo Calero: “O neno descobre desde a fiestra da casa que as pitas estanse a mollar e el téntaas facer entrar ó galiñeiro; elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos”. 
Editorial: Edicións Embora
Edición:2008
Páxinas: 32 p.
ISBN:978-84-95460-94-3 



Se queredes saber máis deste conto ou do noso amigo Carballo Calero pinchade no seguinte enlace e logo buscade a icona das galiñas e tedes moitas sorpresas.


Imaxe Ghazafelhos Teatro