LETRAS GALEGAS 2020. MUSICANDO A CARVALHO CALERO

Nesta entrada imos publicar unha serie de cancións online onde atopamos ao Carvalho Calero musicado. Atoparemos ben poemas, ben referencias, que nos fan entender un pouco máis esta figura, quizais saber un pouco máis por que lle dedican as Letras Galegas 2020. Algúns dos poemas atópanse no libro Fillo de Eva. (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero) de Pilar Pallarés. 

A primeira canción que citaremos é do grupo A Minha Embala, musicando o poema “María Silenzo”, e deixa algunhas chaves para entender a Carvalho Calero; pois falan da mestura galego portuguesa, do enclave Galiza, da non distinción da lingua, da confluencia, do país...


Tamén, o grupo electro-pop galego Fanny e Alexander musican María Silenzo: 


O seguinte poema musicado é “Teño unha dor”, do dúo 2naFronteira:


2naFronteira é un grupo interesante que mestura na súa música lírica son sefardís, toques italianos, portugueses, galegos e demais. El é italiano, ela do Couto Mixto, un lugar peculiar que está situado na fronteira entre Galiza e Portugal, e que se sabe que se rexía por unhas leis específicas, diferentes a un e outro país. Quizais de aí lle veña o interese de musicar ao lusista Carvalho Calero.

Os Ataque Escampe tamén se presentaron ao concurso “Musicando Carvalho Calero” de 2010, cun tema actual titulado “Desde o cèu com Amor” que fala da vida do autor en primeira persoa, coma se falase dende o ceo. Narrando acontecementos da súa vida, como ter pasado uns anos no cárcere de Xaén por ser miliciano Republicano durante a Guerra Civil, ou referencias a outras obras coma o poema “Nom sei se Matei” ou a novela “Scorpio”. O ton é de saudade, case triste, como falando da causa de Carvalho Calero en prol do uso do galego portugués, que nunca acadou, polo menos institucionalmente, a pesar de ser un erudito, loitador, estudoso e amante, da lingua galega.


Precisamente “Nom sei se Matei” foi un dos poemas musicados, desta vez en clave de Rock´n´Roll, polos míticos Ruxe-Ruxe:



E por último non podiamos deixar de referenciar o libro infantil “As pitas baixo a choiva”, que ten o seu propio disco e grupo coa Banda das Pitas! Un formato que seguramente estaría a rular polos institutos e colexios de non ser pola pandemia que estamos a sufrir.



En 2010 existiu un concurso chamado “Musicando Carvalho Calero”, gañouno A Minha Embala co tema que aparece anteriormente. Por desgraza o concurso xa non se fai, mais as cancións foron publicados neste enlace.

De estármonos reunidas, seguro que en Conxo lle fariamos unha canción ao bo de Carvalho Calero, mais toca pensar na casa algo de dedicatoria, e vale a pena botar unha orella ás músicas, para conmemorar a este grande galego.

Comentarios