GALLETAS “PRÍNCIPE”

Hoxe traémosvos unha receita divertida e ideal para facer en familia. O resultado gustará tantos ós maiores como ós pequenos da casa. Dunha forma divertida e sinxela elaboraremos as míticas galletas recheas de chocolate!!!
O primeiro que faremos serán as propias galletas e deixaremos para o último lugar a elaboración do recheo de chocolate.

Galletas. 
Precisaremos:
  • 250 gr de fariña
  • 80 gr azucre glas
  • 30 gr améndoa en pó
  • 150 gr manteiga
  • 1 xema de ovo
  • 1 ovo (para pintar)
  • esencia de vainilla (ou vainilla en pasta)
Antes de nada, se temos a manteiga no frigorífico debemos quitala para que vaia atemperando e sexa máis fácil de manipular cando sexa preciso. 
O primeiro será peneirar a fariña, o azucre e a améndoa nun recipiente. En caso de non ter azucre glas podemos empregar o común. Hai que ter en conta tamén que a améndoa non sempre é fácil de peneirar pero, en caso de non poder facelo, podemos engadilas tal e como as merquemos (sempre e cando sexa en po).
De seguido, a esta mestura engadimos a manteiga. Este paso encantará á maioría dos nenos posto que agora o que toca é, coas mans, mesturar os 4 ingredientes o mellor que poidamos. O resultado que conseguiremos serán unhas “migas grandes”, tal e como vos mostramos nas seguintes imaxes.



Chegados a ese punto botaremos a xema do ovo e a esencia de vainilla e volveremos a amasar cas mans. Agora o resultado que debemos conseguir é unha masa uniforme coa que formaremos unha bola.
Colocaremos a bola da masa nun recipiente, cubrímolo con film e deixamos repousar na neveira uns 30 minutos. Pasado este tempo, espacemos un pouco de fariña sobre a superficie dunha mesa, por exemplo, e coa axuda dun rolo (previamente enfariñado tamén para evitar que a masa se nos quede pegada nel) estiramos a masa. É preferible dividir esta “bola” en 2 partes xa que, deste xeito, será moito máis fácil de estirar. Cando teñamos o grosor desexado (0,5 Cm é máis que suficiente xa que no forno aumentan un pouco) empregaremos un cortador circular para galletas, un aro de cociña ou simplemente un vaso para ir formándoas. Iremos colocándoas nunha bandexa de forno e, coa axuda dun garfo, iremos facendo pequenos buratos sobre cada unha delas.
Metemos na neveira outra media hora e aproveitamos para ir quentando o forno a 180°. Transcorrido este tempo pintaremos con ovo e coa axuda dun pincel de cociña (se non temos podemos utilizar papel de cociña empapado en ovo) cada unha das galletas.
Metemos no forno durante 10 minutos. Hai que ter en conta que non tódolos fornos quentan igual, por eso debemos estar pendentes delas para que non se nos queimen. Deben quedar douradas. Unha vez fora do forno hai que deixar que arrefríen para que adquiran consistencia e xa teremos rematada a primeira parte desta receita.

Recheo de chocolate:
  • 200 gr de chocolate negro
  • 100 ml de nata
Este paso é moi sinxelo. Nun cazo, poñemos a nata ó lume e cando estea punto de ferver botamos o chocolate negro que previamente fomos partindo (empregamos este tipo porque está moi bo e ademais é menos graxa que os demais, pero podemos empregar tamén chocolate con leite ou branco). Debemos remover ben, coidando que non se nos pegue ó fondo do cazo ata obter unha mestura homoxénea e deixamos repousar 10 minutos.
A continuación, collemos unha manga pasteleira e enchémola coa mestura de chocolate. Se non temos manga pasteleira tranquilos! É moi sinxelo facer unha caseira: tan só precisamos unha bolsa para conxelar, por exemplo, á que lle cortaremos unha esquina cunha tesoira (é preferible facer un corte pequeno e se despois non é suficiente realizar outro maior). Imos botando o chocolate á metade das galletas e cas restantes ímolo cubríndoo.

O resultado será un pouco diferentes ás que estamos acostumados a mercar pero sen ningún xénero de dúbida MOITO, MOITO MÁS RICAS!! Así que xa sabedes! A experimentar amasando e a desfrutar con elas en familia!!