CURSO DE ANDROID PARA MÓBILES. LECCIÓN 2

PANTALLA TÁCTIL E TECLADO

CONTIDOS:
Uso da pantalla táctil.
Uso do teclado e trucos para introducir texto.

1. USO DA PANTALLA TÁCTIL

O modo habitual para dar indicacións e controlar as funcións de Android é a través da pantalla táctil e mediante a utilización dos dedos para manipular iconas, botóns, elementos do menú, o teclado en pantalla e outros elementos.
Tocar: Para realizar accións nos elementos en pantalla, como iconas de configuración ou de aplicacións, para escribir letras e símbolos mediante o teclado en pantalla, ou para pulsar botóns en pantalla, só tes que tocar co dedo.
Manter pulsado: Para manter pulsado un elemento da pantalla, tes que tocalo e non levantar o dedo ata que se produza unha acción. Por exemplo, para abrir un menú para personalizar a pantalla principal, toca unha área baleira da pantalla principal ata que se abra o menú.
Arrastrar: Mantén pulsado un elemento durante un instante e, a continuación, move o dedo pola pantalla sen levantalo ata chegar á posición de destino. Podes arrastrar elementos na pantalla principal para colocalos noutro lugar e así personalizala túa pantalla.
Mover ou deslizar: Para mover ou deslizar, tes que mover rapidamente o dedo pola superficie da pantalla sen deterte no primeiro lugar no que toques (polo que non se arrastra ningún elemento). Por exemplo, podes deslizar a pantalla cara arriba ou cara abaixo para desprazarche por unha lista e, nalgunhas vistas de calendario, podes moverche rapidamente pola pantalla para cambiar o intervalo de tempo visible.
Tocar dúas veces: Toca dúas veces rapidamente sobre unha páxina web, un mapa ou outra pantalla para utilizar o zoom. Por exemplo, podes tocar dúas veces nunha sección dunha páxina web no navegador para aplicar zoom a esa sección de forma que esta ocupe o ancho da pantalla. Tamén podes tocar dúas veces para controlar o zoom da cámara, de Google Maps e doutras aplicacións. Se tocas dúas veces despois de beliscar para aplicar zoom nalgunhas aplicacións, como no navegador, distribúese unha columna de texto para que se axuste ao ancho da pantalla.
Beliscar: Nalgunhas aplicacións (como en Google Maps, no navegador e na galería), podes ampliar ou reducir o contido se colocas dous dedos á vez na pantalla e realizas o movemento dun belisco (para reducir) ou estendes os dedos separándoos (para ampliar).
Rotar a pantalla: Na maioría de pantallas, a orientación cambia ao virar o dispositivo cara á esquerda desde a súa posición vertical e volve cambiar ao devolvelo á posición vertical. Esta función pódese activar ou desactivar en Axustes.

2. USO DO TECLADO E TRUCOS PARA INTRODUCIR TEXTO.

Nalgunhas aplicacións ábrese o teclado automaticamente. Noutras, é necesario tocar o campo de texto no que desexes escribir para abrir o teclado.

Os caracteres que introduzas aparecerán nunha franxa situada encima do teclado.
Pulsa a tecla de símbolos para cambiar ó teclado de números e símbolos.
Toca unha vez a frecha cara arriba para escribir en maiúscula a letra seguinte. Mantén pulsada a tecla para escribir todo en maiúscula.
Mantén pulsada a tecla dunha vocal ou outras teclas para abrir unha pequena xanela na que poderás seleccionar vocais acentuadas ou outras letras alternativas.
Para introducir un espazo en branco entre diferentes caracteres debes pulsar na tecla de espazo en branco.
Se pulsamos o debuxo da cara poderemos introducir os emoticonos (debuxos gráficos). Pódese intercambiar ou intercalar texto con emoticonos.
Para borrar calquera texto ou emoticono simplemente tes que pulsar a tecla que apunta cara a esquerda.
Unha vez remates de escribir tes que indicar que queres mandar ou aceptar o escrito mediante a tecla de aceptar.
Podes controlar se desexas que cambie a orientación da pantalla automaticamente ao virar o dispositivo e conseguir que se aumente a área do teclado.

Photo by Leon Seibert on Unsplash