COCHES DE CARREIRAS

Hoxe propoñémosvos unha manualidade moi fácil de realizar e moi entretida para os máis pequenos unha vez rematada: coches de carreiras.

Precisaremos un rollo de papel hixiénico por cada coche que queiramos facer. Podemos elaborar un para cando membro da familia e despois facer carreiras e divertirnos todos xuntos na casa.

O primeiro será pintalo ou cubrilo con papel de cores ó gusto de cadaquén. Mentres esperamos a que seque recortamos 4 círculos, de 3,5 cm de diámetro aproximadamente, nun cartón ancho que serán as futuras rodas. Podemos pintalas e debuxarlle unhas liñas que pasen polo centro simulando os radios. Se non tiveramos un cartón o suficientemente ancho recortaríamos o dobre de círculos (ou o triple) e pegariámolos entre si para darlle máis ancho ás rodas e, por conseguinte, máis estabilidade ó noso coche de carreiras.

O seguinte paso será facer 2 buratos a cada lado do tubo, á mesma altura, polos que pasaremos 2 palillos longos que serán os eixos das rodas. O tamaño destes buratos debe permitir que os palillos xiren. Se estes palillos fosen demasiado longos recortarémolos. A continuación, hai que perforar o centro dos círculos (rodas) e poñerlles unha gota de pegamento líquido e incrustar nese buratiño os extremos dos palillos.

Unha vez seco, xa teríamos o coche montado e listo para correr pero se queremos darlle un toque máis persoal e divertido podemos abrir un oco na parte superior e colocarlle un boneco a modo de condutor!

A partir desta estrutura inicial podemos decorar o noso vehículo como queiramos: engadindo anacos de cartón que simulen un alerón, tapar a parte de adiante do tubo de papel con cartolina e pintar nel o noso nome ou unha matrícula… todo o que se vos ocorra!!!

Se queredes dar un pasiño máis alá podedes empregar en lugar de tubos de papel hixiénico tubos de papel de cociña. Tendo en conta que a lonxitude é maior, farannos faltan máis círculos para as rodas e podemos abrir 3 ocos para 3 pasaxeiros por exemplo.

Como sempre, a continuación deixámosvos unhas cantas propostas!



Por último, se aínda nos quedan ganas podemos facer a nosa propia pista de carreiras pintando unha estrada nun anaco de cartón! Canto máis grande mellor e máis divertido!



Esperamos que vos divirtades en familia!