BISCOITO CON NOCES

Hoxe propoñémosvos unha rica receita, pois imos facer un doce! un biscoito moi sinxelo con noces. Sabiades que as noces son un dos alimentos máis completos? E que son un gran alimento para o cerebro?

Os froitos secos, en xeral, son unha fonte de minerais con gran aporte de vitaminas! Así que, se non tedes noces ou preferides outro froito seco podedes cambiar ese ingrediente!

Polo tanto, poñámonos mans á obra!

Ingredientes:
- 3 ovos
- 250 g de fariña
- 150 g de azucre
- 100 ml de aceite de xirasol
- 1 sobre de lévedo en po
- 100 g de noces

Elaboración:
Primeiro, nun recipiente mesturamos a fariña co lévedo e reservamos esta mestura. Por outro lado, collemos os ovos e separamos as xemas nun recipiente e as claras noutro, e estas montarémolas a punto de neve.

Así nos quedarán as claras...



Batemos as xemas e ó tempo imos engadindo o azucre pouco a pouco. E, unha vez que o azucre estea ben incorporado engadimos o aceite de xirasol e batemos todo. Aquí vos deixamos a secuencia...







Agora podemos acender o forno para que vaia collendo temperatura, poñémolo a 180º.
Cando estea lista a mestura imos engadindo pouco a pouco a que tiñamos reservada de fariña con lévedo.



Finalizado este proceso, unha vez ben incorporada a fariña co lévedo, engadimos as noces.
Consello: para que as noces non baixen ata a base do biscoito é recomendable enfariñalas!
Así nos vai quedando...



Por último, pasamos a mestura ó molde e metémolo no forno. Recordade poñerlle papel de forno ó molde ou ben engraxalo con manteiga!
Deixarémolo uns 20 ou 25 minutos; mais dependendo do forno poden variar os tempos de cocción, polo que o recomendable é, pasado ese tempo, pinchar o biscoito cunha agulla ou coa punta dun coitelo e ver se sae limpo; se sae limpo xa podemos retiralo do forno!
E unha vez que o sacamos do forno... só queda deixalo arrefriar e servilo...

BO PROVEITO!