A MARIOLA

Xogamos á mariola en familia?

A mariola, tamén denominado “O né”, é un xogo tradicional, popular e competitivo. Habitualmente xógase no exterior, nun espazo libre de obstáculos, preferentemente en campo de terra para poder debuxala cun pau ou tamén no cemento, onde podemos pintala con xiz. Existen diferentes variantes, que dependen da zona xeográfica onde se xogue, como tamén depende o seu nome. Hai variantes nas que se pintan máis cadrados (sobre 9) rematando cun semicírculo que é o ceo, e outras nas que se pintan menos (3 - 4 cadrados) e remata nunha cruz.

Xogamos de xeito individual en pequeno grupo, polo que é ideal para xogar en familia! Así que, aproveitando que todos/as estamos confinados nas nosas casas propoñémosvos facer unha variante moi interesante, para o que podemos botar man de materiais que teñamos preto. Podemos empregar cinta adhesiva, para debuxar a nosa mariola marcando os números e o ceo ou cruz, ou tamén podemos empregar la pegándoa con cinta adhesiva, ou incluso pegar papel.

Para substituír a pedra, colleremos un tapón, optando así polo material de refugallo! O bo é que se poden empregar diferentes materiais, polo que, se non temos algún poñeremos a funcionar a nosa imaxinación e chegaremos a ser moi creativos/as.

Así, para comezar, debuxaremos co material elixido, tres cadrados seguidos en vertical e unha cruz ó remate do último dos cadrados. Tamén podedes elixir facer máis cadrados e incluír o ceo.

Para xogar, botamos o tapón no primeiro cadrado, e saltamos para o segundo á pata coxa, saltando por orde os demais cadrados e dando a volta na cruz; ó chegar de novo ó número 2 cóllese o tapón na man e regrésase ó inicio sen pisar o primeiro cadro. Despois botaremos o tapón no segundo e repetimos o proceso lanzando o tapón en todos os cadrados e incluso na cruz, que será o último lugar onde se lance. Recordade que nunca podemos tocar o cadrado que ten o tapón!

Perderemos cando non lancemos o tapón dentro do cadrado, caia o fóra ou toque a raia, ademais tamén se perde se é o propio participante quen pisa a raia.

Cando unha persoa perde, comeza a xogar outra e así sucesivamente ata que alguén consegue chegar á cruz sen perder, sendo a persoa gañadora.

Recordade que é imprescindible respectar as quendas e as normas do xogo, estade atentos/as a que todos as cumpran!

Deixámosvos unha imaxe coa nosa mariola e animámosvos a facer a vosa!


Photo by Eric Tompkins on Unsplash